O lume chega a Pobra de Trives, aínda que baixo control

Quedou baixo control ás 12,31 h. un lume que comezou no concello ourensán da Pobra de Trives, parroquia de Sobrado, pero que afecta tamén ao municipio lindeiro de Quiroga, parroquia de Enciñeira, xa na provincia de Lugo. Segundo as primeiras estimacións a superificie afectada é dunhas 20 hectáreas entre monte raso e arborado. O incendio comezaba ás 02,05 h. da mañá e no lugar levan traballado 4 axentes, 9 brigadas e 9 motobombas.

Permanence controlado tamén desde as 19,50 h. de onte o incendio declarado no municipio lugués de Ribas de Sil, parroquia de San Clodio. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 126 hectáreas, das cales 96 son de monte arborado e 30 de raso. No lume, que se iniciaba o martes ás 20,06 h., levan traballado 11 axentes, 32 brigadas, 21 motobombas, 2 pas e 9 helicópteros.

Ademais, está controlado desde as 21,03 h. de onte o lume que comezou ás 12,44 h. do mediodía no concello ourensán do Barco de Valdeorras, parroquia de Alixo. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 64 hectáreas de monte raso. Na súa extinción levan participado 1 técnico, 7 axentes, 25 brigadas, 10 motobombas, 1 pa e 16 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.