As historias que curan: a voz de Estefânia Surreira emociona en Viloira
O poder sanador da palabra contada e cantada estreouse no ciclo DePerto, nos xardíns da Casa Grande de Viloira
A voz de Estefânia Surreira, potente, serea e musical, deslizouse entre as árbores dos xardíns da Casa Grande de Viloira ata chegar con suavidade á alma dos asistentes. A narradora portuguesa estreou o ciclo DePerto cun espectáculo de historias profundas e emocionais, titulado Contos de vida e morte, onde a vida e a morte camiñan da man.
«Obrigado», foi a primeira palabra que pronunciou, coa delicadeza que envolve o idioma portugués, onde os s se arrastran e as m se esvaen nasais como un suspiro. Xa ese pequeno xesto deixou claro que a sesión ía ser contada na súa lingua natal, mais cunha conexión directa coa sensibilidade galega. “Vou tentar contar de vagarinho, como un río que corre lentamente no verán...”, dixo Estefânia cun sorriso pícara e mirada cómplice.
Non só contou, tamén cantou, e a súa voz —esa voz de meigallo— chegou moi preto dos corazóns e, se apuramos, mesmo da alma. Historias que doeron e que curaron, que fixeron sorir e silenciaron mesmo aos paxariños dos xardíns. Porque cando a palabra é auténtica, ata a natureza se detén para escoitala.
«As historias tamén curan, son como remedios. Mellor é escoitar unha historia que tomar un medicamento», confesou Surreira. Para ela, narrar é un xeito de comprender a vida e de dar sentido á morte, ás perdas inevitables do tempo. Por iso recolle contos tradicionais: son sabedoría ancestral que nos conecta coa esencia de quen fomos e somos.
Na súa maleta invisible trouxo un conto mexicano do pobo Tarahumara, que logo encadeou cunha historia de Alaska, e pechou cun conto tradicional portugués. Un percorrido emocional e xeográfico no que, malia as distancias, cada historia semellaba caber dentro de cada espectador.
Ao rematar, agradeceu de novo coa humildade dos grandes. E entre aplausos, deixounos coa sensación de que si, quizais é certo que as tartarugas tamén voan, como se chama o seu proxecto de mediación lectora creado en 2014.
Foi presentada pola concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, quen lembrou que Estefânia leva anos dedicándose á lectura en voz alta, descubrindo que as historias só viven de verdade cando se comparten.
No camiño, aprendeu a escoitar a outros narradores que tamén entregan a alma ao contar, e entendeu que as memorias, os afectos e os contos poden rescatarse do esquecemento e ser partillados coma quen sabe que, ao outro lado da vida, as tartarugas tamén voan.
O ciclo DePerto continúa ata o 29 de xullo. A próxima cita será novamente nos xardíns da Casa Grande de Viloira coa artista Fátima Delgado e a súa proposta escénica Paleontoloxía, unha mestura de teatro, poesía e performance que nace do seu recente poemario homónimo. Un verán de historias, palabras e emocións compartidas.