A gastronomía e o viño de Valdeorras trunfan na Coruña
Máis de trescentas persoas desfrutaron da Festa do Botelo que comezou coa cata de máis de corenta referencias dos viños das adegas da ruta enoturística que amosaron a calidade dos viños valdeorreses
A gastronomía valdeorresa volveu a beira do Atlántico na que foi a oitava edición da Festa do Botelo na Coruña celebrada este sábado 11 de febreiro no Hotel Finisterre. Organizada polo Concello do Barco coa colaboración de José Ángel Rodríguez, á degustación de botelo —un embutido de costrelas de porco adobadas típico da comarca— sumouse este ano un túnel de cata organizado pola Ruta do Viño de Valdeorras e dirixido polos sumilleres Luis e Alejandro Paadín.
Neste túnel, os comensais puideron probar ata corenta referencias diferentes de viños valdeorreses incluidas algunhas añadas históricas coas que se amosou a potencialidade de envellecemento dos viños da comarca. As adegas da Ruta presentes na cata foron: Joaquín Rebolledo, D´Berna, Pago de los Capellanes, Viña Corzo, Adega da Pinguela, Quinta da Peza, Terriña, O Cepado, Virgen del Galir, Carballal, Santa Marta, Godeval, A Coroa, Roandi, O Casal, Alán de Val e Adega Melillas.
Máis de trescentos comensais
A cita convocou a máis de trescentas persoas que desfrutaron dun menú composto de empanada de maravallas (acelgas en valdeorrés), sopa e mais botelo con patacas e repolo. Moitos dos asistentes tiñan vínculos coa comarca pero tamén os había que descubriran esta festa nalgunha das edicións previas á pandemia.
A Festa do Botelo do Barco de Valdeorras está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e con esta cita na Coruña inaugura a súa itinerancia por diferentes capitais, sendo as seguintes paradas Vigo e Madrid. A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, foi a representante comarcal no evento, acompañada polo presidente e a secretaria da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez e Araceli Fernández.
Unha ruta do viño única en Galicia
A festa, que rematou con música en directo e baile, foi a oportunidade da Ruta do Viño para promocionar na Coruña a oferta enoturística de Valdeorras onde existe un patrimonio único en Galicia, os barrios de covas para a conservación de viño. Na comarca hai preto de mil covas e moitas adegas da Ruta contan con cova nas súas instalacións. Ademais da visita ás adegas e ás covas de viño, en Valdeorras existe unha ampla oferta de actividades de patrimonio, gastronomía e natureza que poden coñecerse na web.
rutadelvinodevaldeorras.com.