Francisco Contreras, novo xerente executivo do Hospital Comarcal Valdeorras

Francisco Contreras San Feliciano asume o cargo de xerente executivo do Hospital Comarcal Valdeorras. No día de hoxe, xoves 23 de agosto, foi presentado aos profeionais polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez. No acto, estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta de Galicia de Ourense, María Sol Díaz Mouteira, e polo xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Julio García Comesaña.

O novo xerente do HCV é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Salamanca, e conta con formación sobre sistemas de clasificación de pacientes baseados en GRD, innovacións en xestión hospitalaria, e tamén de dereito sanitario.

Dende xuño de 2017, traballaba na Unidade de Codificación Clínica do Hospital El Bierzo en Ponferrada, centro onde anteriormente foi responsable de Xestión de Lista de Espera Cirúrxica e Programación Cirúrxica. Francisco Contreras iniciou a súa carreira profesional como xefe de servizo de Atención ao Paciente no Hospital Camiño de Santiago de Ponferrada e, posteriormente, ocupou a praza de xefe de unidade de Admisión e Documentación Clínica do mesmo hospital.

Dende o Sergas explican que «este nomeamento enmárcanse no proceso de renovación que se está a levar a cabo nalgunhas das Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXIs) coa fin de adaptalas aos novos retos que a sanidade pública galega ten por diante nos próximos anos». Defenden o feito de que «a normativa da Lei de Saúde reforza especialmente o papel dos hospitais comarcais e a rede de centros de Atención Primaria, garantindo a súa sostenibilidade e crecemento futuro, coa potenciación de servizos e especialidades».