viernes. 19.04.2024

Ás 19.00 horas dará comezo a celebración do tradicional Magosto na praza Ramón Otero Pedraio de Viloira. Este ano, ademáis das castañas asadas e o bo viño valdeorrés, os asistentes poderán disfrutar dun espectáculo de Correfocs, “unha actividade que desenvolven por terras de Cataluña, que utilizan para darlle a benvida a todas as festas populares”, explica Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura.

Nesta ocasión, a Associació Cultural Ball d'Enveja de Vilanova i la Geltrú colabora desinteresadamente co concello do Barco “amosando o que eles fan que é un espectáculo de fogos cando menos vistoso”. Según explica a concelleira, a partires das 21:30 horas, os asistentes poderán disfrutar de tres pases distintos do espectáculo, “o primeiro na praza de Viloira, o seguinte na pasarela que une as veiras do río Sil, e o último na Praza Maior”.

Para rematar a festa, e en colaboración desta vez coa cafetería Veira Sil, ás 23:00 horas terá lugar un concerto do grupo Os Mecánicos de A Coruña.

Este ano, o concello quixo relacionar a festa do Magosto coa festa do Samhaín. Este é o motivo polo que na festa da castaña farase a presentación da exposición “O Magosto e o Samaín, personaxes de medo na cultura galega”, que alberga nestes momentos a biblioteca municipal. Trátase “dun percorrido polos personaxes de medo que a tradición galega garda no seu imaxinario”, apunta Pizcueta.

O peculiar da exposición é que “todos os panéis que a compoñen están feitos por nenos e nenas de primaria dos colexios do Barco; merece a pena ir a vela, eu quedei admirada e sorprendida da calidade dos traballos, vai sorprender a nenos e maiores”. Tanto é así que o concello decidiu continuar a iniciativa o ano que ven “para seguir ampliando a exposición con máis interpretacións dos seres imaxinarios”.

Un espectáculo de ‘Correfocs’ ameniza hoxe o magosto barquense