O Entroido de Éntoma volve latexar coas furracas e os zamarreiros
Nesta tarde de xoves, 16 de febreiro, o pobo de Éntoma representaba parte da súa historia pasada. E, é que as mulleres dos obradoiros «Fiando a memoria», organizados pola concellería de Servicios Sociais do Barco, decidiron recuperar a tradición do seu Entroido, o cal se perdeu hai 35 anos, e decidiron escenificalo.
Despois dun traballo de documentación, recuperando antigas fotografías e historias de persoas do pobo, as figuras das furracas e os zamarreiros volveron a latexar no día de hoxe, con posterior fariñada e chocolatada para os asistentes.
As furracas saían o sábado de Entroido no solpor
Unha das personaxes principais eran as «furracas», as cales saían no solpor do sábado de Entroido. O seu papel non era o de ir andando, senón que era ir ás casas e meterse coa xente. Flora López, de 90 anos, explica que «algunhas levaban barrigas, chepas...»
Ademais, levaban a cara tapada, polo que ninguén podía saber a súa identidade. Tocaban á porta das casas e non podía revelar quen era ata que a recoñecían. Nese momento, podía ensinar a cara e invitábana a algo.
Os zamarreiros saían con sacos ao carrelo
Os «zamarreiros», outra das figuras clave, eran homes que saían cun saco con ourizos de castiñeiro ao carrelo. Flora López explica que o seu papel era ir detrás dos homes para axudarlles ás furracas. «Moitas veces cruzaban as montañas e os ríos, xa que era unha honra pillalos para uns, e non ser pillados para os outros», afirma. Ademais, levaban «tiznos» para tinguir aos veciños, escondían burros...
A súa vestimenta era unha saba a modo de saia, cunha decoración que se realizaba con mimosas, follas de hedra, de laranxeira... Ademais, complementábanse cun sombreiro con cintas.
Así, ao Entroido de Éntoma tamén acudían persoas doutros pobos. «Celebrabámolo todos os anos e comezábanos domingos antes a correr a fariña», explican. Recoñecen que todo era diversión e que «algúns ata corrían por arriba dos teitos das casas para escapar dos zamarreiros».
Para rematar esta celebración, o mércores de cinza metían a algún veciño nunha caixa fúnebre. Ía todo o pobo detrás da caixa dicindo «adiós abuela, adiós abuela» e «botaban responsos, rezaban... Aínda temos a caixa guardada», afirma Flora López.
É por iso que as tradicións son tan importantes. Reunirse coa a xente do pobo e divertirse, o principal obxectivo.