"El é un can, es ti un porco?"

Xa está en marcha a campaña "O Barco libre de cacas", que dará visibilidade a un problema que afecta a todos os veciños e veciñas barquenses: os excrementos caninos polas rúas.

A iniciativa -presentada en rolda de prensa pola Concelleira de Medio Ambiente, Diana Urdangaray, a Concelleira se Servizos, Alicia Álvarez, e o alcalde de O Barco, Alfredo García-, consiste en depositar globos cunha frase reivindicativa que reclame a intención dos viandantes e faga visible o problema.

Serán os alumnos dos colexios barquenses os encargados de depositar os globos preto de cada excremento canino que se encontren pola rúa. Para Alfredo García, esta é tamen unha maneira de contabilizar a magnitude do problema: "así saberemos se estamos ante un problema moi grave, grave ou menos grave".

"El é un can, es ti un porco?", é a frase que se imprimirá nos globos, que foi elixida entre máis de 31 propostas presentadas polos colexios, ou ben a través das emisoras de radio da localidade. Os alumnos sairán a colocalos pola rúa neste mes de maio. Na semana do 8 de maio será a quenda do colexio Condesa de Fenosa; na semana do 15 de maio sairá o colexio Divina Pastora; na semana do 22 de maio será o Julio Gurriarán, e na semana do 29 de maio será a quenda do Otero Pedraio.

"Intentamos, por estes medios, atallar un problema que temos a diario. Será unha campaña absolutamente visual e de choque, pedindo a responsabilidade dos donos dos cans", explica o alcalde, Alfredo García.

Dende o Concello recordaron tamén que os veciños que non teñan cans tamén poden aportar algo a esta causa informando ao concello cada vez que vexan que alguén non recolle os excrementos dos cans. García asegurou que xa se iniciaron accións sancionadoras por esta vía.

Por outra banda, Alicia Álvarez recordou que xa deu comezo o “Sorteo Punto Limpo”, incluído na Campaña de Reciclaxe 2017. Sortearanse dúas ceas para dúas persoas nun restaurante local entre todos aqueles que se acheguen ao Punto Limpo para deixar residuos. O prazo do sorteo remata o vindeiro día 1 de xullo, cando será celebrado o concurso.

A orixe desta proposta radica na necesidade de fomentar o uso do Punto Limpo entre os cidadáns do Barco, xa que ofrece unha solución para aqueles residuos que non poden ser xestionados a través dos sistemas tradicionais de recollida e evita os vertidos no medio rural e urbano do noso municipio.

No Punto Limpo podes depositar residuos de orixe domiciliaria como: madeira, restos metálicos, voluminosos, entullos de obras menores, residuos perigosos, pilas e baterías, tóner e cartuchos de impresión, fluorescentes e lámpadas.

Cómpre destacar que o Punto Limpo tamén oferta un servizo de recollida gratuíto de obxectos voluminosos na vía pública, o primeiro e terceiro mércores de mes; sempre previo aviso, chamando ao número de teléfono: 988320138.