lunes. 05.12.2022

A Deputación e o Concello do Barco avanzan no proxecto de posta en valor da Vía Nova

Alfredo García solicitou un tractor de roza para a prevención de lumes, no marco do convenio asinado pola Deputación de Ourense e a Consellería de Medio Rural

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Alfredo García Rodríguez (Alcalde co concello do Barco).
A Deputación e o Concello do Barco avanzan no proxecto de posta en valor da Vía Nova

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo esta mañá no Pazo Provincial un encontro de traballo co alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, no que estudaron a ampliación das liñas de colaboración abertas entre ambas administracións e no seu traballo común en entidades como o Eixo Atlántico. 

Precisamente, unha das  cuestións centrais da reunión de traballo desta mañá foi o proxecto de posta en valor da Vía Nova. Unha iniciativa impulsada polo Eixo Atlántico -entidade na que Manuel Baltar é presidente do seu Foro Termal e Alfredo García, presidente da Mesa da Asemblea- co apoio da Deputación de Ourense, e que pretende converterse nun axente dinamizador do territorio a través da pegada cultural e histórica da Vía Nova, unha calzada romana que atravesaba parte do que hoxe é Ourense, unindo Bracara Augusta (Braga) e Astúrica Augusta (Astorga) ao longo de máis de 300 quilómetros.

O proxecto de valorización da Vía Nova está en fase de elaboración, coa vista posta en ser presentado na primavera de 2023. En próximas datas celebrarase unha reunión entre o presidente da Deputación, o alcalde do Barco e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, para seguir perfilando a iniciativa baseándose nos informes e estudos xa completados.

Manuel Baltar recalcou a importancia desta iniciativa cultural e patrimonial, "con sobresaínte potencial dinamizador e que é outra aposta máis da Deputación pola comarca de Valdeorras", valorando a importancia do traballo en rede para impulsar este tipo de proxectos: "O da Vía Nova é outro froito do posicionamento de Ourense en entidades como o Eixo Atlántico, e coa capacidade de tecer colaboracións cos gobernos locais e autonómicos para perfilar ferramentas coas que seguir construíndo Ourense". 

Ademais, o Concello do Barco de Valdeorras solicitou un tractor de roza para a prevención de incendios forestais, apoiándose no convenio asinado pola Deputación de Ourense -a única das catro deputacións galegas en facelo- coa Consellería de Medio Rural en materia de lumes.

A Deputación e o Concello do Barco avanzan no proxecto de posta en valor da Vía Nova