Dende 1970 até agora: o CEIP Ramón Otero Pedraio celebra os seus 50 anos —e máis—

Antigos alumnos, mestres actuais e de sempre, representantes institucionais e moita emoción nun aniversario que «chega tarde» por mor da pandemia

Non cabe neste artigo o sentimento vivido hoxe no CEIP Ramón Otero Pedraio. Ou mellor dito, «o cole de Viloira». Con orgullo e paixón por formar parte del. Alumnos recibían aos visitantes á entrada do centro, e dende ese momento en que cruzabas a porta xa recorría algo os corpos —foras ou non coñecedor da súa historia e das persoas que a escribiron—.

Alumnos do Otero Pedraio recibindo aos visitantes na entrada do centro

Un edificio que hoxe estaba cheo de xente, de todas as idades, e un salón de actos onde as cadeiras non foron suficientes para todos aqueles que quixeron estar presentes en tan destacada data. Unha celebración que tivo que demorarse por mor da pandemia. No 2020 cumpría este centro 50 anos, e hoxe, 22 de xuño de 2024, lembráronse estes e catro máis

A música foi a encargada de recibir aos presentes, en concreto unha canción que non fala doutra cousa que de amor. "Como yo te amo", de Rocío Jurado, entonada polas voces de parte do coro de nenos e nenas do colexio. Espazo logo para ver un vídeo recopilatorio con imaxes de toda a súa historia. 

Foron numerosas as voces que se foron unindo nesta homenaxe «aos que están, estiveron e estarán para sempre». Remedios Arias, a directora do centro, foi a guía do acto, dando paso a todos aqueles que quixeron dedicar unhas palabras ás persoas alí congregadas. 

Dona Lolita

Destaco aquí a ovación dirixida a Adolfo, antigo mestre, que confesaba que os 23 anos que pasou no colexio foron «os máis felices». Outro dos momentos máis emotivos —e que sacou máis dunha bágoa entre o público— foi o discurso ofrecido por dona Lolita, que coas súas mans temblorosas foi quen de recoller os seus recordos e as experiencias vividas. 

Adolfo, antigo mestre

Máis música pechaba as actividades no salón de actos cun baile dos alumnos de 6º de primaria ao son de "Terra" de Tanxugueiras. En conclusión, un día no que houbo espazo para as bágoas, a emoción, a felicidade e, sobre todo, o sentimento de familia