Contratación de transporte sanitario na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco

O Consello da Xunta autorizou un investimento de case 14 millóns de euros, prevendo un total de 62 ambulancias

O Consello da Xunta autorizou a contratación dos servizos de transporte sanitario terrestre non urxente (ambulatorio e hospitalario) e o hospitalario urxente das sete áreas sanitarias de Galicia, por un importe total de licitación de 84.548.765 euros e un período de duración de 24 meses. Os novos contratos supoñen un incremento global de 23 millóns de euros con respecto aos vixentes.  

En concreto, a licitación desta modalidade de transporte para a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras é de 13.154.884 euros, prevendo contar con 62 ambulancias. 

O valor estimado destes contratos, atendendo á posibilidade de prórroga por un período de 12 meses, ascende a preto de 135 millóns de euros.

Os servizos a realizar serán o transporte interhospitalario para probas e consultas, as altas e ingresos hospitalarios, os traslados urxentes interhospitalarios, os traslados de tratamentos e consultas programadas, e os traslados fóra da Comunidade Autónoma como consecuencia da asistencia sanitaria en centros referentes a nivel nacional en certas patoloxías, técnicas ou tratamentos. 

Son os criterios médicos os que determinarán mediante prescrición que pacientes son os usuarios das ambulancias asistenciais ou non asistenciais e as características técnicas e o equipamento sanitario preciso en función das necesidades do doente.

O número de servizos estimados totais nestas contratacións no conxunto das sete áreas sanitarias ascende aos 979.000 anuais, 130.000 na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.