Continúa o ciclo «De Perto» con Xoán Curiel no Mosteiro de Xagoaza
O ciclo cultural «De Perto» continúa esta noite cunha nova proposta que mestura música e patrimonio. O Mosteiro de Xagoaza converterase no escenario dun concerto especial a cargo do trío liderado por Xoán Curiel, que ofrecerá un repertorio de música folk baseado en cantigas de trobadores da lírica medieval galego-portuguesa, reinterpretadas cun enfoque contemporáneo.
Por mor da celebración do Mercado Medieval esta fin de semana en Tremiñá e das obras que se están a realizar na estrada habitual que conecta O Barco co Mosteiro de Xagoaza, o acceso ao concerto deberá facerse polo camiño particular de Cedie. Recoméndase ás persoas interesadas que teñan en conta esta indicación para poder asistir sen contratempos.
O concerto está enmarcado dentro do programa cultural que aposta por achegar a cultura ao público valdeorrés en espazos singulares, combinando a posta en valor do patrimonio co talento musical galego.