Comezan os traballos para poñer en marcha da aldea modelo de Vilariño (O Barco)

Comezan os traballos para poñer en marcha da aldea modelo de Vilariño
Técnicos da empresa estarán na escola de Vilariño o mércores 13 e o xoves 14 de outubro, de 10 a 15 horas, e de 16 a 19 horas. A visita repetirase a semana seguinte

A empresa encargada da elaboración do proxecto para a posta en marcha da aldea modelo de Vilariño iniciará a próxima semana contactos individuais cos propietarios das parcelas incluídas nas 18 hectáreas que forman parte do proxecto.

Trátase agora de identificar aos propietarios, e que cada un deles acepte de xeito expreso a incorporación das súas propiedades no proxecto de aldea modelo. Para facilitar a realización dos traballos, técnicos da empresa estarán na escola de Vilariño, recentemente rehabilitada polo Concello, o mércores 13 e o xoves 14 de outubro, de 10 a 15 horas, e de 16 a 19 horas.

A visita repetirase a semana seguinte, neste caso o luns, martes e mércores, co mesmo horario. Todos os propietarios afectados poden pasar polo local veciñal nos días indicados para, coa axuda dos técnicos, localizar a súa parcela e entregar unha copia do seu DNI e o número de conta bancaria.

Os veciños de Vilariño foron informados do proceso que se seguirá a partir de agora nunha xuntanza celebrada onte na localidade, previa para a continuación do proxecto, na que participaron técnicos encargados do proxecto e o alcalde, Alfredo García.

O proxecto comezou o ano pasado, co traballo de identificación de parcelas e a remisión de escritos a todos os propietarios de terreos para darlles a coñecer o proxecto. Seguirá agora coa aceptación dos donos de parcelas e, se se consigue o obxectivo de que alomenos o 70% deles formen parte da aldea modelo, procederase á redacción do estudo técnico para a súa posta en marcha.

O alcalde, que propuxo á Xunta a inclusión de Vilariño como aldea modelo, mostrouse satisfeito pola marcha deste proxecto «que pode ser exemplo para que, no futuro, se creen outras na zona, que permitan a recuperación de terras que agora non se utilizan.