sábado. 28.06.2025

Dous colexios de Valdeorras, finalistas dun concurso de teatro

Dous centros de ensino de Valdeorras viaxan hoxe luns día 11 de xuño á capital ourensana elexidos pola Deputación entre tódolos colexios presentados ao concurso de teatro organizado polo ente provincial Qué efectos ten o cambio climático no teu municipio. Trátase do CEIP Condesa de Fenosa e o Colexio Divina Pastora, que representarán as súas respectivas obras a partires das 11:00 horas, no Teatro Principal. Será cara as 13:00 horas cando, convidados a unha pinchada, reciban a deliveración do xurado que determinará quen dos dous colexios é o vencedor, «resultado que será o de menos porque en Valdeorras xa gañamos sendo os finalistas elexidos da mesma comarca», explica Mónica, profesora do Divina Pastora.

Os nenos e nenas de 2º de Primaria de ambos colexios viaxan ata Ourense con grande ilusión. O Colexio Divina Pastora representará a obra Algo pasa no Barco, cunha trama «que xira arredor da reciclaxe, a responsabilidade de non malgastar auga, e o coidado do Medio Ambiente en xeral», explica Mónica. Pola súa banda, o CEIP Condesa de Fenosa representará a obra María e o lume, cuxa temática xira en torno aos incendios forestais, traballada a partires do proxecto educativo Investigalume, enmarcado dentro do programa PITEAS, representada no centro con motivo das Letras Galegas e no Teatro Lauro Olmo do Barco o pasado 28 de maio para tóda a comunidade educativa.

Dende este último centro, Noelia, mestra de Infantil, conta que o mellor de facer esta obra é a implicación de tódolos nenos no seu rol, «porque eles mesmos, coa nosa axuda, foron construindo a obra e elexiron qué querían ser, guionistas, actores, decoradores, acomodadores, etc., e desta forma víronse moi implicados». Explica ademáis Noelia que o premio xa é viaxar á capital e representar a obra no Teatro Principal. «Cando o fixemos no Teatro Lauro Olmo estaban moi emocionados porque realmente viron que a súa obra era valorada, veremos hoxe á experiencia no teatro de Ourense», relata.

Actualización:

O certame galardoou ao CEIP Divina Pastora e ao CEIP Condesa de Fenosa, como mellores colexios participantes, concedendo a cada un deles 500 euros, para empregar en material escolar, mentres que o premio á Mellor obra de teatro, recaeu no CEIP Condesa de Fenosa, polo que a clase gañadora gozará dun día completo na Estación de Montaña de Manzaneda desenvolvendo actividades deportivas e de lecer. O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, foi o encargado de entregar os galardóns deste certame no Teatro Principal.

Dous colexios de Valdeorras, finalistas dun concurso de teatro