O Club San Martiño abre as portas do voleibol á mocidade do Barco

O 22 de agosto organiza unha actividade de iniciación no pavillón vello con prazas limitadas e inscripción previa

O Club San Martiño de Voleibol quere seguir facendo medrar este deporte no Barco e, con ese obxectivo, organizará o vindeiro sábado 22 de agosto unha xornada gratuíta de promoción e iniciación ao voleibol, dirixida a nenos, nenas e persoas a partir dos seis anos.

A actividade desenvolverase no pavillón vello do Barco e permitirá aos participantes achegarse a este deporte da man de adestradores especializados, coñecendo as súas regras básicas e realizando diferentes xogos e exercicios adaptados á idade.

A xornada dividirase en dúas quendas. A primeira, de 10.30 a 12.00 horas, estará destinada a participantes de entre 6 e 11 anos, mentres que a segunda, de 12.00 a 13.30 horas, será para persoas de 12 anos en diante.

Cada sesión contará cun máximo de 24 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición.

A iniciativa está organizada polo Club San Martiño de Voleibol, coa colaboración da Deputación de Ourense, o Concello do Barco e a Federación Galega de Voleibol, e pretende dar a coñecer unha disciplina deportiva que cada vez conta con máis practicantes en Galicia.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do formulario habilitado mediante o código QR incluído no cartel da actividade.