O Cine Club Groucho Marx e Baños Films xa teñen a súa «Butaca de honra» no Teatro Lauro Olmo do Barco
A Semana de Cine arrinca cada ano un venres e poñendo o nome a butaca de honor de persoas ou colectivos que deben ser recordadas por ter relación coa sétima arte. Nesta trixésimo segunda edición a honra caeu no propio Cine Club Groucho Marx e en Baños Film.
O acto comezou cun documental realizado por Anxo Santomil sobre a empresa viguesa de distribución cinematográfica, Emilio Baños Films. Fundada nos anos 50 por Emilio Baños Santos, «foi determinante no apoio e difusión do cinema galego por todos os pobos, vilas e cidades de Galicia que tiñan posibilidades de exhibición».
O Cine Club Groucho Marx rendeu homenaxe á empresa viguesa, como mostra de recoñecemento e agradecemento, pondo o nome de Emilio Baños Films á butaca de honra desta edición.
O documental de Santomil contou coa intervención do fillo de Emilio, de nome tamén Emilio, quen seguiu coa empresa familiar até que se xubilou hai uns anos e deixou o legado empresarial aos seus dous fillos, Emilio e Pablo.
Esta foi a intervención que incorporou Santomil:
Ao remate do documental interveu José María Rodríguez agradecendo ao «Concello do Barco pola posibilidade de seguir facendo esta labor». Agradeceulle a Anxo Baranga a confección do cartel, para o que pediu un aplauso; a Anxo Santomil, a realización do documental; e ademais explicou que a butaca de Emilio Baños Films íai estar preto da de Chano Piñeiro, xusto diante.
Esta foi a intervención de José María:
O neto do fundador da distribuidora decine viguesa, Pablo, foi o encargado de recoller o agasallo, unha reprodución da placa que se colocou na butaca xunto co cartel da 32 Semana de Cine enmarcado. O seguinte vídeo recolle as palabras de agradecemento de Pablo Baños.
Sen dúbida outro momento «interesante» da gala foi a aparición do propio Groucho Marx para descubrir a placa coa que se homenaxeaba tamén ao cine club barquense que leva o seu nome.
O acto inaugural completouse cun concerto na Praza Maior do Barco do trío madrileño «Los tres de la noche», que interpretou baladas e os míticos «boleros», doutro trío mundialmente coñecido, «Los Panchos». Aínda que tamén soaron o chachachá, as rancheras, ou a cumbia.
Semana de Cine
A semana do cinema, como xa é tradición, contará con películas infantís, cinema galego, español e de actualidade que se completará cunha exposición de retratos das estrelas de cinema na entrada do teatro.
As proxeccións infantís serán todos os días ás 16.30 horas e entre as películas atópanse "Mavka, a gardiá do bosque", "Patty e a furia de Poseidón", "Unha familia de superheroes" e "Hanna e os monstros",
A isto súmanse as proxeccións de cinema galego, cinema español e cinema de actualidade con títulos como "O meu crime", "Sica", "O triángulo dá tristeza"; "As boas compañías" ou "Pai e soldado", «Estou a amarche locamente» e «Especies de abellas».
E, complétase con curtas feitas en valdeorras que se proxectarán o sábado, 2 de setembro. «O Barco en Curto» contará con tres proxeccións: “Docu covas”, de Cristina de la Torre; "Materia que compón ou teu recordo", de Víctor Santos e “Non te vexo", de Xacio Baños.