
Charlas con expertos como ferramenta educativa nos colexios de O Barco

Os colexios barquenses botan man das charlas educativas con expertos para aprender de maneira alternativa á clase ordinaria de todos os días. As charlas e as actividades que profesores e alumnos levan a cabo tamén serven para mellorar a aprendizaxe e involucrarse un pouco máis na temática a estudar.
É o caso dos alumnos de Bacharelato do IES Marta Guisela, que onte mantiveron unha charla por videoconferencia coa investigadora e científica valdeorresa Noa Feás Rodríguez. Unha maneira de utilizar as novas tecnoloxías a favor da educación, cunha animada e interesante charla que a licenciada en Veterinaria e Máster en Investigación en Ciencias da Saúde ofreceu aos alumnos do colexio onde ela mesma estudou uns anos atrás.
Noa Feás, que na actualidade realiza a súa tese doutoral en colaboración co CSIC e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), respondeu a todas as preguntas que expuxeron os rapaces e recordou encarecidamente a necesitade de investir en investigación.
Pola súa banda, o CEIP Julio Gurriarán ofrecía tamén, fai un par de semanas, unha charla sobre a importancia e as consecuencias do Cambio Climático, en colaboración con Iberdrola. Foron os alumnos de 6º de Educación Primaria os que acudiron á charla, que foi impartida por Miguel Ángel Martínez, enxeñeiro da compañía. Ademais, o acto foi gravado para posteriormente ser publicado na propia web da empresa Iberdrola. Martínez respondeu a todas as preguntas que lle expuxeron os alumnos, que gozaron dunha sesión distinta ás clases habituais.
Tamén os alumnos do CEIP Ramón Otero Pedrayo tiveron a súa particular actividade durante a xornada escolar de onte. Os alumnos de 2º curso de Educación Primaria puxeron en marcha unha incubadora de poliños, na que depositaron máis de unha ducia de ovos de galiña, que esperan se convertan en poliños dentro de 21 días.