Campamento de verán no país de Don Godello e Dona Mencía

A Asociación Cultural Vagalume en colaboración co Concello de O Barco de Valdeorras organiza a XVII Edición do Campamento de Verán, que este ano se denomina "Viaxe ao país de Don Godello e Dona Mencía".

Este ano, seguindo a liña de reivindicación do Día das Letras Galegas para Florencio Delgado Gurriarán, o campamento xira arredor dunha obra súa, e polo tanto, os cativos percorrerán o mundo da natureza e a paisaxe de Valdeorras.

Como cada ano, haberá actividades comúns e específicas para cada idade. O programa de actividades é tamén similar a pasadas edicións, xirando cada unha delas en torno ao tema central. Por unha banda ofreceranse actividades enmarcadas dentro da educación ambiental, como xogos de campo, xincanas, andainas...; actividades acuáticas, como piscina, aquagim, xogos de auga; deportivas, con deportes alternativos, zumba ou ioga; e animación na convivencia, con festas, traballo en equipo e xogos cooperativos.

Na parte máis orientada á cultura e a formación, o campamento inclúe talleres para coñecer o contorno, a tradición e xogos populares... Así como obradoiros de manualidades, pintura, barro, cociña e texido, entre outros. Como todos os anos haberá tamén teatro e música e, como novidade, na parte de videoclips e curtametraxes, os rapaces colaborarán na realización das mesmas, unha oportunidade para que os cativos experimenten o que é poñerse diante dun micro e unha cámara. O material gravado, que versará sobre temas de acoso escolar, acoso nas redes e violencia de xénero, será exposto mensualmente no salón de actos para todos os pais e titores.

Tamén esta edición inclúe unha sección de actividades de educación emocional, no que todos os grupos realizarán tarefas neste sentido, traballando o autocoñecemento e a empatía a través de talleres, obradoiros e actividades deseñadas especificamente para grupos de distintas idades.

O campamento, que acollerá a nenos de entre 3 e 12 anos no CEIP Condesa Fenosa, comezará o vindeiro 3 de xullo e rematará o 31 de agosto. O prazo de inscrición remata este domingo 25 de xuño. Hai un límite de 100 nenos e nenas e un máximo de 15 alumnos por grupo e monitor.

Os horarios son, como en pasadas edicións, de 10:00 a 13:00 horas, con servizo de garda de 9:00 a 10:00 horas e de 13:00 a 14:00 horas.

En canto aos prezos, este ano o campamento terá un prezo de 60 euros ao mes para os nenos que non sexan socios de Vagalume, sendo para os socios 35 euros mensuais. Os servizos de garda terán un custe adicional de 10 euros ao mes por quenda.

Os pequenos tamén poden acudir ao campamento por quincenas, en lugar do mes completo. Neste caso terá un prezo de 30 euros a quincena para os non socios e 20 euros para os socios.