O BNG pide garantir as mamografías no Hospital de Valdeorras
O portavoz do BNG no Concello do Barco, Manuel Agra Villar, vén de presentar unha moción co obxectivo de instar á Xunta de Galicia a garantir a realización de todas as mamografías necesarias no Hospital Público de Valdeorras (HPV), sen ter que derivar ás mulleres a centros sanitarios de Ourense.
Na exposición de motivos, Agra lembra que o Hospital de Valdeorras, inaugurado en 1984, chegou a contar cunha ampla carteira de servizos e 62 facultativos médicos. Con todo, lamenta que «desde a reforma da Lei de Saúde aprobada polo PP en 2018», a comarca pasou de ser unha área sanitaria a un distrito dependente da área de Ourense, o que supuxo «a perda progresiva de servizos e a recentralización do sistema».
O BNG asegura que o hospital está a sufrir un proceso de desmantelamento que afecta especialmente á poboación do rural, envellecida e con maiores necesidades asistenciais. Segundo denuncia o grupo nacionalista, «unha de cada tres prazas de especialista está vacante» e «faltan 22 profesionais segundo recoñeceu a propia dirección aos sindicatos». Como exemplos concretos, destacan que «de 8 prazas de medicina interna, 4 están baleiras», que «só hai unha oftalmóloga» e que «non existe servizo de pneumoloxía pese ao grave problema de silicose».
A gota que colmou o vaso foi coñecer que «mulleres do distrito están a ser derivadas a Ourense para realizar mamografías», unha proba clave na detección precoz do cancro de mama. «Parécenos un grave ataque á base sanitaria da nosa comarca: ter que ir realizar a Ourense unha proba diagnóstica tan común e necesaria como é unha mamografía», subliñou Agra.
Na moción, o BNG solicita ao pleno do Concello do Barco que inste á Consellería de Sanidade a garantir que todas estas probas se realicen no Hospital Público de Valdeorras, evitando así os desprazamentos a máis de 100 quilómetros e contribuíndo a unha atención máis próxima e xusta para a poboación feminina da comarca.