Dende o BNG consideran que «se está ninguneando a comarca»

Rolda de prensa do BNG
O BNG convocaba os medios de comunicación na porta do Hospital Comarcal de Valdeorras para expresar o seu malestar coa situación sanitaria da comarca

Nesta mañá Suso Vilasánchez e Noa Presas, compareceron ante os medios de comunicación na porta do Hospital Comarcal de Valdeorras. Ao seu carón, apoiándoos estaba o deputado provincial, Xosé Manuel Pugar, a alcaldesa do Concello da Rúa, María G. Albert, o concelleiro Avelino Fernández e o responsábel comarcal do BNG e membro da candidatura, Roberto Quiroga.

A intervención comezouna Vilasánchez, quen mostraba o seu malestar coa situación da ambulancia medicalizada —moción aprobada por maioría no pleno do Barco en outubro do 2023—. Segundo o portavoz, «a moción volveu ser desestimada polos que gobernan a Xunta». E continua explicando: «Parece que se está ninguneando a comarca».

Vilasánchez tamén fala de Lalín e da Veiga. Neste último concello di: «Teñen unha ambulancia que o que é un disimulo para contentar a xente da Veiga e lavar a cara».

Para rematar a intervención fai fincapé na nova perda que terá o hospital, o otorrino. «O único que é certo e que o otorrino vaise porque non lle están ofertando o que lle dan en outros lados», conclúe. 

Toma a palabra a cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presa quen comeza a súa intervención dicindo: «Estamos aquí para denunciar a discriminación que sofre Ourense, e máis a comarca de Valdeorras, en materia sanitaria. Xa que os 14 anos de Partido Popular foron demoledores para o sistema sanitario». O que engade: «Recortou en máis de 2.000 millóns de euros a Atención Primaria e precarizou os hospitais comarcais». 

Presas defende adaptar as especialidades sanitarias ás necesidades da poboación, cunha unidade especializada en pneumoloxía e silicose, así como contar cunha ambulancia SVA, un plan de choque urxente de 200M€ e dedicar o 25% do orzamento da Xunta á sanidade pública.

«Nunca un goberno fixo tanto dano á sanidade pública das e dos profesionais así como das persoas usuarias», afirma Noa.