Blanco lamentou que Gonzalo Caballero "viñera a O Barco a facer demagoxia"
O deputado do Grupo Popular, Moisés Blanco, lamentou hoxe que o novo secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, “viñera a O Barco a facer demagoxia e a mentir sobre a reforma da Lei de Saúde de Galicia que transformará a Valdeorras en distrito sanitario, e que permitirá blindar por lei a permanencia e actividade do Hospital Comarcal”.
O deputado acusou aos socialistas de ter “memoria selectiva e agora pretender ocultar que o goberno Bipartito, cunha socialista ao fronte da Consellería de Sanidade, no ano 2008, presentaron unha proposta de Ordenación Sanitaria de Galicia, deixando una soa área sanitaria na provincia de Ourense, convertindo a Valdeorras en zona sanitaria”.
“Que non veñan agora a dar leccións de ordenación do mapa sanitario cando o Bipartito pretendía que fósemos unha zona sanitaria sen garantizar a existencia do Hospital Comarcal, como agora si se fai coa reforma da Lei de Saúde, transformando a Valdeorras en distrito sanitario, o que permite blindar por lei a permanencia e actividade do Hospital Comarcal” indicou o popular.
Blanco rexeitou as críticas ao respecto do aumento dos desprazamentos a Ourense indicando que “cómpre lembrar que desde o ano 2011, co modelo das EOXI, foron evitados case 47.000 desprazamentos aos pacientes que foron atendidos no Hospital de Valdeorras e coa reforma seguirán evitándose xa que promoverá que os especialistas poidan acercarse e con maior frecuencia ao Hospital”.
Sobre a calidade asistencial, indicou que “non se perde en absoluto, xa que se crea o distrito sanitario como marco de referencia para a coordinación da atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria, se crearán máis e mellores servizos sanitarios e a atención será máis próxima ao domicilio, polo que os pacientes serán os grandes beneficiados da actualización da Lei”.
Blanco recordou o incremento de especializadades desde o ano 2012 “pasando de ter tres a ter dez". O político salientou que os orzamentos da Xunta de Galicia para 2018 recollen unha partida orzamentaria de 520.000 euros para actuacións no Hospital de Valdeorras.