O barro feito arte tinguirá o Paseo do Malecón esta fin de semana

O Paseo do Malecón de O Barco acollerá a V Edición da Mostra de Alfarería que terá lugar os días 2, 3 e 4 de xuño.

O venres ás 13:00 horas inaugurarase a exposición, que contará con 16 alfareiros de distintos lugares da península: Zamora, Toledo, Badajoz, Cáceres, Jaen, León, Ciudad Real e Coimbra, en Portugal. O país veciño volve a ser o país invitado a este certame.

Tanto o sábado como o domingo o horario da feira será de 11:00 a 14:30 horas pola mañá, e de 16:30 a 21:00 horas pola tarde. Os veciños e visitantes poderán contemplar, comprar e incluso crear estas pezas de artesanía únicas, froito dunha actividade que está a piques de desaparecer.

Como en edicións anteriores, os visitantes poderán ver en directo exhibicións da elaboración de distintas pezas de barro e os máis cativos poderán iniciarse neste arte a través dun taller que ofrecerá o mestre Santiago Gallego, onde os pequenos poderán elaborar e levarse a casa a súa propia peza de barro. Como novidade, nesta edición, tanto o sábado como o domingo haberá inchables para os nenos.

Para os mais maiores, de novo o mestre Santiago Gallego fará  demostracións do torno en vivo coa creación dunha peza xigante cara ao público durante os tres días da feira.

A Concelleira de Promoción, Economía, Turismo e Comercio de O Barco, Irene Dacal, animou a xente á participar desta mostra de obras de arte: "es una feria de muchísimo colorido que se sale del color terracota del barro, por eso animamos a la gente a que vaya y, aunque no compren nada, por lo menos que acuda al Malecón a verlo, que los artesanos lo agradecen".