O Barco e Trives festexan o Día das Letras Galegas

Música, teatro, baile, senderismo, conferencias... Pero sobre todo libros, recitais, e letras para celebrar o Día das Letras Galegas, que este ano se dedican ao autor ourensán Carlos Casares.

O Concello de O Barco ten preparadas seis actividades culturais entre os días 15 e 21 de maio para render homenaxe a este día tan especial para a nosa Comunidade.

O luns 15 de maio a Biblioteca Delgado Gurriarán acolle ás 20:00 horas unha conferencia do relator Afonso Vázquez Monxardín, titulada “Roteiro sobre a vida e a obra de Carlos Casares”. Vázquez Monxardín é catedrático de Língua e Literatura Galega e colaborador habitual en varios medios de comunicación. A entrada é libre e gratuita.

O propio Día das Letras, mércores 17 de maio, terá lugar o tradiconal Maratón de lectura que organiza a Asociación Vagalume na praza do Concello a partir das 11:30 horas. Pola tarde ás 20:00, na praza Maior, o grupo Xardín Desordenado ofrecerá un concerto homenaxe a Carlos Casares, con cancións compostas con letras do autor ourensán.

O xoves 18 ás 20:30 horas e o domingo 21 ás 20:00 horas no Teatro Lauro Olmo o cine club Groucho Marx presentará a película de animación "Psiconautas, os nenos esquecidos", en versión galega. Un filme de Pedro Rivero e Alberto Vázquez, que foi distinguido co Goya á Mellor Película de Animación.

O venres 19 ás 21:00 horas, de novo o Teatro Lauro Olmo acolle a representación de Teatro do Morcego: "Os vellos non deben namorarse" de Alfonso R. Castelao con dirección de Celso Parada, escenografía de Pablo Pastor, vestiario de Carlos Alonso e un extenso elenco formado por Miguel Borines, Mónica Caamaño, Andrés Giráldez, Celia González, Elina Luaces, Cristina Mariño, Iolanda Muíños, Miguel Pernas, Tatán, Miguel Varela, María Veiga e Mundo Villalustre. As entradas teñen un prezo de 5 euros e estarán á venda una hora antes da función.

O sábado día 20 a empresa R patrocina un concerto no Teatro Lauro Olmo ás 18:00 horas, para público infantil e familiar, de Mamá Cabra baixo o título de "Paxaro amigo músicas para a paz". A entrada é gratuíta e a invitación debe retirarse na sede de R en O Barco.

Pola súa banda, o Concello de Trives tamén quere celebrar este día programando unha serie de actividades ao longo dos vindeiros días que se engloban baixo o nome “Festa das Letras”.

Esta batería de actos arranca o vindeiro venres 12 de maio co Correlingua, onde os rapaces de Trives se reunirán ás 11:30 da mañá na Praza do Reloxo para percorrer as rúas da zona vella nunha carreira a prol da lingua galega.

O propio 17 de maio ás 10:30 da mañá está programada a saída dunha ruta de sendeirismo familiar dende Santa Leonor. A dificultade desta ruta é baixa co obxectivo de que poida acudir todo tipo de público. Ao rematar, arredor das 12:30 da mañá, na Praza de Abastos organizaranse diversos obradoiros de pintura e murais, onde o idioma galego e as súas fermosas verbas serán protagonistas.

Nesta mesma xornada os actos continúan ás 18:30 horas no Auditorio Julio Vázquez, onde haberá música e baile, así como presentacións da vida e obra de Carlos Casares e mesmo un vídeo sobre a “Linguaxe Popular Trivesa.

O venres 19, terá lugar o peche das actividades da Festa das Letras. Desta volta os pequenos serán os protagonistas da tarde, participando nunha xincana, onde, ademais, terán contacontos e diversos obradoiros nos que indagarán na obra infantil de Carlos Casares do xeito máis divertido.