O Barco, preocupado polas deficiencias en sanidade do HCV

Os veciños de Valdeorras están preocupados polas deficiencias en sanidade que presenta o Hospital Comarcal sito en O Barco.

Así o recolle tamén o concello barquense dende a Concellería de Sanidade, que pedirá unha reunión coa xerencia do hospital para aclarar os puntos que máis preocupan aos veciños.

Este tema saíu no último pleno ordinario de O Barco, no que o portavoz de Riada, Félix García, no tempo de rogos e preguntas, transmitiu a súa preocupación pola falta dun pediatra máis no HCV, xa que nos inicios eran tres, e agora só hai dous.

A isto, o concelleiro de sanidade, Orlando Saavedra, contestou que teñen en conta este asunto e que solicitarán unha reunión co xerente, trala que non descartan unha acción comarcal en función do resultado da mesma. “Queremos saber los planteamientos y objetivos que tiene la gerencia del hospital, así como la consideración de cara al número de niños o enfermedades que tiene que haber por pediatra”, explicou Saavedra. O concelleiro asegurou tamén que reivindicarán unha terceira plaza en pediatría.

Outros temas preocupantes son os problemas coas consultas en áreas como rehabilitación, neuroloxía ou uroloxía. Ademais, as listas de espera son cada vez máis longas -especialmente durante o verán- e sobre todo para aquelas especialidades das que carece o Hospital Comarcal de Valdeorras, caso no que os pacientes pasan a unha segunda lista de espera para ser atendidos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

No caso de rehabilitación, os pacientes deben desprazarse ata a capital de provincia para unha simple consulta, en lugar de desprazárense os médicos, como é habitual, “entendemos que en intervenciones quirúrgicas que necesitan una técnica determinada se haga en Ourense, pero una consulta podría hacerse perfectamente en Valdeorras”, defende o concelleiro de sanidade.

O concello de O Barco solicitará porén unha reunión co xerente do HCV para aclarar estes asuntos e coñecer o plan e obxectivos que o hospital ten para os pacientes da comarca.