O Barco multará aos propietarios de solares con maleza

O Concello de O Barco de Valdeorras sancionará con multas de entre 60 e 1.500 euros aos propietarios de solares existentes no termo municipal que non estean limpos de maleza antes do vindeiro día 15 de xullo.

Estas sancións económicas chegan como prevención de posibles incendios e como consecuencia da ineficacia dos avisos previos que fai o concello, posto que malia que a maioría dos veciños manteñen os seus solares libres da maleza, moitos outros fan caso omiso das advertencias e avisos do concello.

Cada primavera, O Barco recorda a todos os veciños propietarios de terreos baleiros situados no termo municipal da obrigatoriedade de que se limpen de maleza, evitando así o perigo de incendio que pode producirse nos meses de verán en todos os núcleos rurais.

O alcalde e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfredo García, afirmou que no pasado consello federal da FEGAMP, celebrado fai uns días, discutiron este tema, sinalando que os municipios non contan cos medios necesarios para facer fronte a este problema, polo que "exigimos a la Xunta que para la próxima temporada se siente con nosotros para buscar una solución a este problema real".

O Concello de O Barco está traballando neste sentido, tratando de identificar aos propietarios de todas as parcelas que rodean os núcleos rurais. "En el casco urbano llevamos ya unos años abriendo expedientes sancionadores para todos aquellos propietarios que no limpian sus solares, pero el concello no está para ir llamando individualmente y avisando continuamente", explica o rexedor barquense.

Se ben a maioría de propietarios dos terreos cumpren coa súa responsabilidade, todos os anos o concello se ve na obriga de recordarlle aos veciños, de forma individualizada, que deben realizar a limpeza dos terreos. Por iso, a partires do día 15 de xullo o concello aplicará as multas que sexan necesarias para sancionar aos reticentes.

Estas multas oscilarán entre os 60 e 750 euros para aquelas que se consideren infraccións leves, e de entre 750 e 1.500 para aqueles casos nos que sexa unha infracción grave porque supoña un risco inminente de incendio. "Esto no quita que le abramos un expediente al propietario y le obliguemos a limpiar la finca. En caso de que tenga que ser el concello quien lo haga, se le cargará al dueño el coste de la limpieza", destacou o alcalde.

Por outra banda, avogando pola sensibilización ambiental, o Concello de O Barco convoca un concurso titulado "Reto #OBarcodeVerde" co que se pretende que os cidadáns poidan participar na campaña posta en marcha pola Concellería de Medio Ambiente.

Trátase dun concurso de fotografía e vídeo a través das redes sociais Twitter e Facebook, nas que os participantes deberán colgar unha imaxe ou vídeo no que se mostre unha boa práctica medioambiental. A publicación deberá estar acompañada da etiqueta #OBarcodeVerde e ligalo á páxina do concello en ámbalas dúas redes.