O Barco honra a San Mauro nunha xornada pasada por auga

)
A chuvia obriga a modificar os actos do patrón da Policía Local, que contou coa presenza de autoridades e veciñanza

A vila do Barco de Valdeorras celebrou este xoves, 15 de xaneiro, a festividade de San Mauro, patrón tanto do municipio como da Policía Local, nunha xornada na que o mal tempo condicionou o desenvolvemento dos actos programados.

Desde primeira hora da mañá, a música da charanga Brisas do Sil percorreu as rúas do centro, anunciando unha celebración que cada ano reúne a numerosos veciños. Porén, ás 12.30 horas, a choiva persistente obrigou a cancelar a procesión polo seu percorrido habitual e, como alternativa, a imaxe do santo foi sacada ata a porta da igrexa para realizar unha breve volta pola praza, portada a ombros polos axentes da Policía Local.

 

Ao remate deste acto simbólico, celebrouse a misa solemne na igrexa de San Mauro, oficiada polo párroco Jesús Álvarez, quen agradeceu a asistencia e a implicación de todos os participantes. A cerimonia estivo acompañada polas voces do Coro de San Mauro e contou coa presenza de membros da corporación municipal, así como de representantes doutros corpos policiais e de distintas xefaturas de Galicia, ademais da Garda Civil e da Policía Nacional.

Unha vez rematados os actos relixiosos, a música volveu ser protagonista nos arredores do templo, servindo de antesala para a inauguración da nova sede da Policía Local do Barco, situada nos antigos xulgados da rúa Pérez Lista, un espazo que marca unha nova etapa para o corpo municipal.