O Barco denuncia novos actos vandálicos en parques infantís e mobiliario urbano e pide a colaboración da cidadanía
Os actos vandálicos continúan afectando ao mobiliario urbano en distintos concellos de Valdeorras. Se hai uns días era A Rúa quen denunciaba danos en bancos, plantas e parques infantís, e Viana do Bolo facía público o levantamento intencionado dun tramo dunha estrada, agora é o Concello do Barco o que alerta de novos desperfectos en espazos públicos.
O alcalde, Aurentino Alonso, confirmou en Radio Valdeorras-Onda Cero que o parque da Cerámica permanece parcialmente inutilizado tras sufrir diversos actos de vandalismo. Entre os danos rexistrados atópanse dous balancíns infantís, un tobogán e unha fonte, elementos que tiveron que ser retirados ou permanecen sen uso por motivos de seguridade.
«Non sei que graza lle atopan a romper cousas, sobre todo cando os máis prexudicados son os nenos pequenos», lamentou o rexedor, quen recordou que este tipo de actuacións tamén afectan ao conxunto da veciñanza.
Plantas arrincadas e mobiliario danado
O alcalde explicou que os danos non se limitan aos parques infantís. Nas últimas semanas tamén apareceron plantas arrincadas dos maceteiros municipais e mesmo pequenas árbores tiradas ao chan.
«Antes había veces que pensabamos que levaban as plantas para as súas casas, pero agora simplemente arríncanas e déixanas tiradas ao lado. É vandalismo puro e duro», asegurou.
Alonso lembrou ademais que hai pouco tempo tamén foi necesario reparar un columpio no parque do Chao despois de que rompesen a viga que soportaba a estrutura, un dano que cualificou de difícil de producir de maneira accidental.
Un custo que paga toda a cidadanía
O rexedor insistiu en que cada un destes actos supón un gasto económico que acaba repercutindo en todos os veciños. «Ese diñeiro que podería destinarse a outras necesidades do municipio hai que empregalo en reparar ou repoñer o que outros rompen», sinalou.
Neste sentido, advertiu de que a Policía Local mantén a vixilancia sobre estas actuacións e asegurou que, no caso de identificar aos responsables, estes deberán afrontar as sancións correspondentes, ademais de asumir os danos ocasionados.
Chamamento á colaboración veciñal
Aurentino Alonso aproveitou tamén para pedir a colaboración da cidadanía. Solicitou que calquera persoa que presencie actos de vandalismo ou poida facilitar información contacte coa Policía Local ou co Concello para axudar na identificación dos autores.
«Se alguén ve que se está rompendo algo ou vandalizando mobiliario urbano, que nolo comunique. Esa información pode ser fundamental para que a Policía poida investigar e localizar aos responsables», concluíu.
O alcalde mostrou a súa preocupación porque este tipo de feitos se repitan especialmente durante o verán e expresou o seu desexo de que non sexa necesario volver falar de novos actos vandálicos nos próximos meses.
Tu prueba Premium ha finalizado