O Barco acolle unha charla sobre o novo Regulamento de Estranxeiría dirixida á poboación migrante
O Salón Multiusos do Concello do Barco acolleu esta mañá unha nova sesión informativa sobre o novo Regulamento de Estranxeiría. A cita contou coa presenza do subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, que foi o encargado de inaugurar o acto.
Esta charla forma parte dun ciclo de encontros organizados pola Subdelegación do Goberno que está a percorrer as principais comarcas da provincia. O obxectivo é achegar os cambios lexislativos á poboación migrante, facilitando o acceso á información e resolvendo dúbidas de primeira man.
As sesións están impartidas pola xefa da Oficina de Estranxeiría, Josefina Rodríguez, xunto con dous funcionarios da Subdelegación, que abordan os principais aspectos da nova normativa e as oportunidades que esta ofrece.
Durante a súa intervención, Eladio Santos salientou que as tres chaves para favorecer a inclusión dos inmigrantes contempladas nesta reforma son «a formación, a familia e o emprego». Segundo explicou, o novo regulamento pretende ofrecer seguridade xurídica e garantías a «aquelas persoas que veñen ao noso país a comezar un proxecto de vida e de traballo».
A iniciativa busca tamén reforzar a comunicación entre a Administración e as persoas migrantes, facilitando unha mellor integración e coñecemento dos seus dereitos e deberes no marco legal español.