O Banco de Alimentos do Barco recibe os 300 quilos de comida doados na Carreira do Turrón

O Banco de Alimentos do Barco recibe os 300 quilos de comida doados na Carreira do Turrón
O párroco Jesús Álvarez, responsable do Banco de Alimentos no Barco, foi quen recolleu a doazón, agradecendo xunto co alcalde a xenerosidade dos veciños que participaron nesta iniciativa solidaria

O Banco de Alimentos do Barco de Valdeorras recibiu este martes 25 de febreiro a doazón de arredor de 300 quilos de alimentos non perecedoiros recollidos durante a última edición da Carreira do Turrón. A entrega, que tivo lugar con certo atraso debido a problemas alleos tanto ao Concello como ao propio Banco de Alimentos, marca o peche definitivo dunha iniciativa solidaria que cada ano conta cunha gran resposta por parte da cidadanía.

O párroco Jesús Álvarez, responsable do Banco de Alimentos no Barco, foi o encargado de recibir os produtos, que agora serán distribuídos entre as persoas máis desfavorecidas da comarca. 

A Carreira do Turrón, ademais de ser unha cita deportiva consolidada no Nadal valdeorrés, ten un marcado carácter solidario. Cada ano, os participantes achegan alimentos que, posteriormente, se destinan a persoas en situación de vulnerabilidade. Neste sentido, tanto o alcalde como o párroco quixeron expresar o seu agradecemento a todos aqueles que colaboraron nesta edición, destacando o compromiso e a xenerosidade da veciñanza.

Agora, o Banco de Alimentos encargarase de xestionar e repartir os produtos recibidos segundo as necesidades das familias beneficiarias. A organización recorda que as doazóns de alimentos e outros produtos básicos poden facerse en calquera momento do ano, xa que a demanda segue sendo alta e a axuda cidadá resulta esencial para seguir prestando apoio aos máis necesitados.