Adxudicada a obra de renovación integral da rúa Eloi Mira —O Barco—

Adxudicada a obra de renovación integral da rúa Eloi Mira —O Barco—
As obras que se van realizar consisten na renovación integral das redes de abastecemento de sumidoiros da rúa Eloi Mira, no tramo comprendido entre a Avenida Marcelino Suárez e a rúa Lamas Carvajal, así como a renovación do pavimento neste tramo

O proxecto de Abastecemento, saneamento e pavimentación da rúa Eloi Mira será executada pola empresa Excavaciones Afreijo, que presentou a mellor oferta no concurso convocado polo Concello para a execución destes traballos.

As obras, adxudicadas en 76.000 euros, máis 5.300 euros pola redacción do proxecto, contan cun prazo de execución de tres meses. As obras que se van realizar consisten na renovación integral das redes de abastecemento de sumidoiros da rúa Eloi Mira, no tramo comprendido entre a Avenida Marcelino Suárez e a rúa Lamas Carvajal, así como a renovación do pavimento neste tramo, no que haberá beirarrúas dunha anchura maior á actual, creando unha plataforma única para priorizar o paso dos peóns.

Para poder desenvolver todas as actuacións antes descritas, procederase en primeiro lugar á retirada de todo o pavimento existente, tanto das beirarrúas como da calzada e tamén do calexo de formigón que comunica Eloi Mira coa rúa María Pita. Substituiranse as conducións de abastecemento de augas, reemplazándose por unha nova tubaría de polietileno, substitución das bocas de rego e renovación das acometidas domiciliaras ás vivendas situadas neste tramo.

O mesmo traballo se realizará na rede de sumidoiros, coa substitución das tubarías e construción de novos pozos e acometidas domiciliarias, así como as baixantes pluviais dos edificios á rede de sumidoiros. As novas beirarrúas terán un pavimento de baldosa hidráulica similar á da avenida Marcelino Suárez.

No calexo que comunica coa rúa María Pita, renovaranse as correspondentes acometidas, conectándoas ás redes que discorren pola rúa Eloi Mira, e se substituirá o pavimento actual. Por último, o proxecto tamén afecta á rúa Lamas Carvajal, na que se prologará a beirarrúa da súa marxe dereita, ata o inicio da zona delimitada por pilonas de fundición, e se renovarán as beirarrúas da marxe esquerda, onde se reporá o pavimento de aglomerado.