Aberto o prazo para inscribirse nos obradoiros de estimulación cognitiva «Fiando a memoria»

Aberto o prazo para inscribirse nos obradoiros de estimulación cognitiva «Fiando a memoria»
A iniciativa, impulsada polo Concello do Barco, ofrece actividades gratuítas para exercitar a mente e recuperar saberes comunitarios

O Barco de Valdeorras pon en marcha unha nova edición dos obradoiros de estimulación cognitiva «Fiando a memoria», unha iniciativa da Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade dirixida a persoas adultas que desexen manterse activas e exercitar as súas funcións cognitivas.

A inscrición é gratuíta, xa que se trata dun proxecto financiado polo Concello, e pode formalizarse chamando ao 988 68 48 85 ou de maneira presencial no Departamento de Servizos Sociais, situado na planta baixa da Casa Consistorial (Concello Vello).

As actividades inclúen exercicios de memoria para mellorar a codificación, almacenaxe e recuperación da información, técnicas de expresión artística, dinámicas corporais e de xogo, así como exercicios de expresión oral e escrita. Ademais de traballar a memoria individual e colectiva, estes obradoiros constitúen un espazo de encontro no que se recuperan saberes comunitarios e patrimoniais da contorna.

Na pasada edición participaron 63 persoas, das cales 60 foron mulleres, cunha idade media de 72 anos. Os talleres comezarán o luns 6 de outubro en Veigamuíños e Éntoma, o mércores 8 no Barco e o 15 en Viloira, e prolongaranse ata finais de xuño de 2026.

As sesións desenvolveranse unha vez á semana: en Veigamuíños, os luns de 16:00 a 17:30 no Local Municipal da Asociación de Veciños; en Éntoma, tamén os luns de 18:00 a 19:30 na antiga escola municipal; no Barco, os mércores de 11:00 a 12:30 na Biblioteca (4ª planta); e en Viloira, os mércores de 15:30 a 17:00 no Local Municipal da Asociación de Veciños.