A biblioteca do Barco celebra o Samaín cunha Festa de Medo
A concellería de Cultura do Concello do Barco ven de presentar na biblioteca Florencio Delgado Gurriarán os actos cos que unificará, como o ano pasado xa fixo, as celebracións do tradicional Magosto e o Samaín. Abrirá as actividades a charla «dun dos maiores estudosos do Samaín, Rafael López Loureiro, que este ano temos a sorte de que veña a falar desta tradición moi galega e moi nosa, ensombrecida polo Halloween americano que nos chega de rebote, porque fumos os galegos os que a levamos a América». Así o relatou Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura, na presentación da programación onte mércores 24, na biblioteca. A charla terá lugar o día 30 de outubro ás 20.00 horas, no mesmo lugar do seu anuncio.
Ao día segunte, 31 de outubro, celebrarase a Festa de Medo na biblioteca, que comezará as 18:00 horas. «Relacionamos o Samaín ca biblioteca porque naceu neste lugar como unha actividade de animación hai tres anos e a verdade é que resultou tan divertida e interesante que decidimos repetir; a min gústame que os nenos veñan á biblioteca non só a estudiar», argumentou Pizcueta, e engadiu que os vindeiros anos, se repite no cargo, ten moitas ideas, pero a que prevalece é a de facelo no Teatro Lauro Olmo. «Apeteceríame por exemplo un Samaín no teatro, podería ser moi interesante».
Para a festa teñen programadas varias actividades, na que poden participar nenos e maiores, entre elas un concurso de disfraces de medo, con «premios para o disfraz máis orixinal e para o disfraz que máis medo dea». O premio consistirá en dúas entradas, unha para adultos e outra para nenos, para participar no Megajump da Coruña, «unha atracción que nos chamou a atención porque combina o caracter lúdico e deportivo».
Haberá tamén na festa pintacaras, e un contacontos a partires das 20.00 horas, dirixido e representado por alumnos do grupo de teatro do IES Martaguisela do Barco. «Gústanos implicar á xente do Barco, pedímosllo porque quixemos que fosen eles quenes contasen o conto e o representasen». Completaranse as actividades coa actuación de malabares de Guti a partires das 21.00 horas no templete da praza José Otero.
Ao redor das 21.00 horas será o momento de que «os máis valentes podan quedarse a durmir na biblioteca». Conta a concelleira de cultura que hai dous anos a actividade resultou moi divertida e por iso plantéxana de novo. Para participar, é necesaria a inscripción previa e ter entre os 5 e os 9 anos. «Este ano decidimos que non sobrepasen os 9 anos porque a tecnoloxía impera nesta sociedade e os nenos de máis edade estaban co móbil todo o rato; queremos que o pasen ben», argumenta. Para o coidado nocturno contará a organización con dúas monitoras polo que o límite de inscritos é de 30 nenos e nenas, que poderán recollelos na biblioteca a partires das 9:00 horas do día 1 de novembro.
Complétase a programación do Samaín - Magosto coa actuación do grupo de teatro canario Abubukaka o día 3 de novembro ás 20.00 horas, coa obra Drácula, «que en tan só 20 representacións ya logrou actuar para 10.000 persoas», e a programación do cine comercial contará primeira vez meteremos películas de terror, unha para cine infantil e outra para cine adulto. Haberá tamén este ano unha exposición sobre personaxes de medo e do mundo fantástico da literatura galega que poderase ver na biblioteca e o domingo día 11 de novembro levarase a cabo a celebración do tradicional magosto as 18:00 horas na praza de Viloira.