sábado. 20.04.2024

Atopámonos ás portas xa dos días grandes das festas do Nadal, un período que marca a fronteira entre algo que remata e algo novo que comeza. É este un tempo de agarda e de esperanza, o “adventuus” na tradición cristiá, que soubo aproveitar habilmente os ritos e tradicións milenarias, pagás, pra situar aí o nacemento do deus Neno. A celebración, coincidente co solsticio de inverno, poderá ter varias lecturas, a escoller, e seguramente todas ou a maioría delas válidas: a fin do ano, o reinicio dun ciclo cósmico, o devalar da escuridade e a inminente volta á luz crecente, o triunfo do Sol…, ou o nacemento de Xesús.

Nestas datas resulta inevitábel botarmos a vista cara a atrás, á infancia perdida, mais esa ollada retrospectiva adoita atopar unha mestura de tenrura, de saudade, co desacougo que nos produce a lembranza na nenez, feliz, e o inexorábel paso do tempo. Transitamos pola memoria e acoden á nosa mente algúns feitos e costumes propios destas festas, aló polos últimos anos da década de 1970 e primeiros dos oitenta, dentro dos marcos imprecisos do barrio de San Roque, no Barco. Nas xornadas previas, a colocación do nacemento nalgúns fogares supoñía a desculpa perfecta pra a realización de “saídas exploratorias” por parte dos grupos de raparigos cara ao Pinar do Pega, ou ao Serro, na procura de elementos vexetais de todo tipo (musgo, pauciños, cortiza, pedras…) pra acadar o mellor resultado na naturalización e no realismo do belén. O outro elemento simbólico, a árbore, ía gañando terreo e había auténticos especialistas en conseguir os mellores exemplares de piñeiro, nun tempo en que había poucas limitacións, pra fornecer a demanda da veciñanza, segundo o tamaño e as características desexadas. Logo, igual ca hoxe, a musiquiña dos nenos a cantar os premios da lotaría, pola radio ou na televisión, era o limiar que sinalaba a entrada de cheo no ciclo festeiro.

Deixando de parte o apartado gastronómico, que ben merece un tratamento de seu no tocante a  este período (bacallau…, androllas, pegureiros, botelos, etc), talvez o máis salientábel sexa a tradición de cantar os reis e pedir o aguinaldo. Unha vez pasado o Aninovo, nos días anteriores á xornada de Reis, grupiños de nenos e nenas iamos de porta en porta botando unha cantiga, unha panxoliña coñecida, pedindo antes a oportuna licenza: “Quere que lle cantemos os reis, (señora ou señor tal)?” Se os moradores da casa accedían ao pedimento botábaselles a panxoliña a cambio dun pequeno convite ou recompensa, “o aguinaldo”, que adoitaba ser, primeiramente, algún produto da casa (ovos, un doce ou larpeirada, un chourizo, unha peza de froita…) e, nunha etapa máis serodia, unhas poucas moedas. A fórmula podía incluír unha copla cantada pedindo o premio: “Déano-lo aguinaldo, se nolo ha de dare, déano-lo aguinaldo…”. E, en función do resultado, ben unha gabanza á xenerosidade dos oíntes, do tipo “Estas portas son de ferro, eiquí vive un caballero”; ou ben reprobatorias, en caso de resposta negativa, como “Estas portas son de estopa, eiquí vive un lapasopas”, intensificada, se for o caso, coa variante “Estas portas son de pino, eiquí vive un gran cochino”. A racanaría do auditorio era censurada en grao máximo, até o escarnio, baixo a coñecida fórmula “Cantámosche os reis, guedellos de cabra, / cantámosche os reis, e non nos deches nada”.

Forman parte estes recitados e formulismos do que os antropólogos denominan “ritos petitorios”, presentes nesta e noutras festas cíclicas, segundo as zonas, como na celebración dos maios nalgúns lugares, e mesmo durante o día de defuntos ou Samaín. A referencia ao “aguinaldo” mantense vixente -a dicir verdade, cada vez menos- pra o agasallo que se entrega polo día de Nadal ou de Reis e tamén pra nomear un chouriciño, algo máis pequeno do normal, que se reserva cando se fan os labores da matanza tradicional, como testemuña deste costume de recompensar as cantigas natalicias dos mociños ou de lles dar un presente aos máis novos da familia.

A vivencia máis próxima no tempo que lembramos da tradición de “cantar os reis” data da metade da década de 1990, aproximadamente, ao participarmos de xeito activo varios anos na ruada organizada por veciños e amigos de Viloira. A comitiva formada por mozos, e xa non tan mozos, percorría as rúas da localidade acompañada dun cuarteto ou quinteto de gaiteiros (gaitas, tambor, bombo, pandeireta) e outros instrumentos improvisados, alternando as pezas cantadas coas instrumentais, de porta en porta. A norma era pedir a vontade pra facer logo, ao remate do percorrido, unha merenda co recadado pra todos/as os participantes. Non se aceptaba diñeiro, só produtos de alimentación e bebidas que acababan conformando unha carta do máis variada: chourizos, androllas e outros derivados do porco; empanadas, tortas, roscóns e doces caseiros de todo tipo; viños de colleita ou de prestixiosas adegas da comarca, licores… E todo nun ambiente de ledicia xeral e de humor que lle daba ao cortexo lúdico-musical un certo aire de entroidada, antes de nos congregar nunha adega, ou no baixo da vivenda dun dos participantes, pra dar boa conta das viandas. Lembramos con especial agarimo a visita e recibimento na casa do párroco, daquela Bienvenido Miguélez, pra todos “don Bienve”, sempre afábel no trato e moi xeneroso na súa contribución á nosa causa festeira. O bo de don Bienve baixaba á porta, algo desbordado pola escena, cargado de botellas de viño e algún doce propio deste tempo, e dende alí seguía divertido a interpretación. Logo rexeitaba cortesmente o noso convite a se incorporar á esmorga e nós, como mostra de agradecemento e antes de despedilo, dobrabamos o pase musical facendo máis longa a execución doutra muiñeira ou dunha xota, só por nos demorar un chisco máis na súa compaña. Tempo de Nadal. Tempo de luz e compañía. Boas Festas.

Xabier Roo Abril

Aqueloutros Nadais do “aguinaldo”