As capturas de troita protagonistas da xornada do domingo 24 de marzo nos ríos da comarca
Desde que o pasado domingo 17 de marzo comezara a tempada de pesca, xa son moitos os pescantíns que se achegaron as augas dos rios da contorna para practicar este deporte que ten tantos adeptos.
Cúmprese así a primeira semana hábil de pesca na que xa se levaron a cabo importantes capturas en diferentes puntos da comarca, a maioría delas nas augas do río Sil, en lugares como A Rúa, Quereño ou O Barco, ¡quen o diría, vendo o aspecto que presenta!
E iso que durante o inverno chegaban novas da escaseza de troitas nos ríos, incluso se chegou a temer pola súa extinción e, pese a non haber tantas como algúns quixeran o feito —como se pode constatar das imaxes— é que non hai tan poucas como outros din.
Achegámonos a veira do Sil e atopamos a Xabier Roo cunha gran captura —tanto en tamaño como en cantidade—. Os exemplares que aparecen nas fotografías que ilustran a información foron pescados na contorna da vila do Barco, segundo nos confirmou Xabier.
O afortunado pescantín enganou estes fermosos exemplares entre as 7: 45 e as 9.30 horas do domingo 24 de marzo, na zona dos Barroncos no concello do Barco.
O engado empregado foi a culleriña, modelo folla de oliva do número 3, en cor prata. As pezas deron, por orde de captura, 49 cm. e 1,600 kg; 60 cm .2,300 kg; e a última e maior das tres mediu 66 cm, cun peso de 3,150 kg.
«Unha xornada redonda, polo calibre dos exemplares logrados, desas coas que soñan os e as afeccionados a este deporte que o viven con auténtica paixón e con devoción polo río», aseguro a este medio Xabier Roo.
«Todo un aliciente pra seguir botando os aparellos nas augas do noso Sil e do resto das masas fluviais nas moitas xornadas que restan. Tamén pra seguir agradecendo estes agasallos que nos brinda a Natureza e pra non cansarmos de clamar polo coidado e o máximo respecto pra os nosos ríos, tan necesarios», resaltou.