O Barco acolle un Curso de Iniciación á Escalada para nenos e adultos

O vindeiro sábado 18 de marzo o Pavillón de Calabagueiros de O Barco acollerá o Curso de Iniciación á Escalada organizado polo Club Peña Trevinca Barco en colaboración co propio concello.

O curso está pensado para adultos e nenos a partir de 6 anos de idade, que deberán ter cumpridos antes do 31 de decembro do pasado ano. Impartirase no rocódromo de Calabagueiros e está pensado para todo aquel "al que le guste o le interese la escalada o para aquellos que quieran enfrentarse al vértigo o conocer sus límites", sinala Julio Miranda, do club Peña Trevinca Barco.

A escalada é un deporte que volve a estar en auxe, non só na comarca, senón a nivel nacional. Cada vez existen máis lugares seguros onde poder practicalo, tanto en sitios cerrados como ao aire libre. A matrícula, neste caso, incluirá unha hora e media de curso cun monitor de escalada da EGAM (Escola Galega de Alta Montaña) que ensinará distintas técnicas de escalada.

Hai un total de 32 prazas que se adxudicarán en función da orde de inscrición. Aínda que oficialmente o prazo rematou o día 14, aínda quedan prazas libres, polo que se seguirán recollendo inscricións. A documentación necesaria para formalizar a matricula será: en caso dos nenos, o DNI e/ou o libro de familia no que figure a data de nacemento, xunto co DNI do titor e a copia da tarxeta sanitaria do neno ou nena; no caso dos adultos só se precisará unha fotocopia do DNI. O prezo da inscrición será de 3 euros para os nenos menores de 18 anos, 6 euros para os adultos maiores de 18 anos e de balde para os socios do Club Peña Trevinca Barco.

Os participantes dividiranse en grupos de oito persoas como máximo, establecéndose dúas quendas de grupos para nenos pola mañá e dous grupos de adultos pola tarde. Os grupos adecuaranse a varios niveis en función dos coñecementos e habilidades dos inscritos.