Diego Fernández: "O mellor foi ver que todos rematamos a proba"
Somos Comarca estivo con 3 dos 8.000 ciclistas que participaron na Maratón Orbea Monegros 2017. Dende o ano 2000 esta proba reta aos amantes das Mountain Bike a verse as caras no deserto de Aragón, batendo ano tras ano, record de participación.
Adrián Fernández, Víctor Ferradal e Diego Fernández completaron con éxito os 117 km de percorrido nun tempo de entre 4 e menos de 6 horas.
Somos Comarca: É a primeira vez que participades nesta proba tan multitudinaria?
Adrián Fernández: No, Diego e eu levamos xa tres anos indo a mesma proba e a verdade é que a participación é todo un éxito. Nun día esgótanse todas as inscricións. Incluso neste último ano non duraron nin sete horas.
Víctor Ferradal: Para min foi o meu primeiro ano, levo andando na bici algo máis dun ano e fun motivado por eles. Dixéranme que era unha proba moi bonita, cun ambiente espectacular e quedei encantado, tanto co ambiente como co percorrido.
SC: ¿Cómo foi a experiencia?
Diego Fernández: Moi boa. Comparado co ano pasado, que o pasamos mal pola choiva e o vento, este ano o tempo acompañou e o percorrido está ao alcance de case todo o mundo.
SC: ¿Quen fixo o mellor tempo?
VF: Eles dous, que o completaron en menos de 5 horas cun tempo moi similar.
AF: Diego e eu temos a sorte de que levamos tres anos participando e a organización mestura todos os anos os 1500 primeiros tempos e póñenos no mesmo caixón. Entón tivemos a sorte de sair entre os primeiros, cunha saída moito máis fluída que cando saes atrás.
SC: ¿Qué destacariades desta experiencia?
VF: A solidariedade da xente. Durante o percorrido hai bastantes avarías e caídas, porque hai moita xente, e todos nos axudamos mutuamente a reparar as bicis ou botar unha man no que sexa. O ciclismo é un deporte moi nobre.
DF: Para min o mellor foi ver ao noso grupo pasar unha fin de semana agradable en Monegros e, sobre todo, ver que todos rematamos a proba. Este tipo de probas son de superación en moitos casos, e iso emociona.
SC: ¿Cal foi a maior dificultade?
VF: A resistencia.
DF: As horas.
AF: O tempo que pasas na bicicleta. Dende a preparación na saída. Hai que organizar a 8.000 persoas para que saian seguidas e sen moitos problemas. Entón organízano en caixóns, e ao mellor pasa unha hora dende que te mandan ao caixón ata que saes., polo tanto hai que sumar esa hora a todas as que pasas na bici.