A Xunta aposta por Ourense como referente do turismo sostible e enogastronómico

O ‘Pazo da Pena Manzaneda’ entre os establecementos turísticos que se beneficiará dos máis de 2,3 millóns de euros co Goberno galego destinará para mellorar e fomentar experiencias vinculadas ao viño e á gastronomía local 

A Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso co desenvolvemento turístico sostible da provincia de Ourense cun investimento superior aos 2,3 millóns de euros destinados ao impulso do turismo enogastronómico e á mellora da eficiencia enerxética dos establecementos turísticos. Así o anunciou o delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo, durante a súa visita ao concello de Manzaneda, onde supervisou os avances da casa rural ‘Pazo da Pena Manzaneda’, un dos vinte proxectos beneficiarios destas axudas.

Segundo explicou Pardo, a través da Axencia de Turismo de Galicia, o Goberno galego pon en marcha unha orde de axudas estruturada en tres grandes liñas de actuación. A primeira, cun orzamento de 2.610.000 euros, está orientada ao embelecemento e á adecuación de establecementos hoteleiros, de restauración e adegas, con especial atención aos servizos vinculados ao enoturismo. Esta liña busca valorizar os recursos vitivinícolas galegos a través da mellora estética e funcional dos espazos, así como mediante actividades como catas, visitas guiadas ou talleres divulgativos sobre o mundo do viño.

A segunda liña, dotada con 590.000 euros, está centrada na dixitalización do sector. Financia proxectos que incorporen tecnoloxías como a realidade aumentada, aplicacións móbiles, visitas virtuais ou experiencias interactivas que favorezan a promoción e comercialización de produtos con denominación de orixe galega. A creación de contidos audiovisuais e ferramentas interactivas tamén forma parte desta aposta pola modernización do marketing turístico.

A terceira e última liña, cun investimento de 2.300.000 euros, está destinada á ampliación e mellora da capacidade de aloxamento dos establecementos que aposten por experiencias enogastronómicas. Os proxectos subvencionables inclúen desde visitas á orixe para coñecer o proceso produtivo ata showcookings e degustacións, sempre que incorporen produtos con selo de calidade galego como as DOP ou IXP.

Manuel Rial, propietario do Pazo da Pena, Manuel Pardo, delegado da Xunta, e Amable Fernández, alcalde de Manzaneda

Ademais do apoio ao turismo enogastronómico, a Xunta tamén impulsa a sustentabilidade ambiental no sector. Así, o delegado territorial lembrou que a Axencia de Turismo de Galicia concedeu máis de 60.000 euros ao ‘Pazo da Pena Manzaneda’ para a instalación dun sistema solar fotovoltaico de autoconsumo, como parte dunha convocatoria dotada con 330.000 euros. Estas axudas cobren actuacións como a mellora da envolvente térmica, a renovación da iluminación ou a automatización enerxética, con subvencións de ata o 90% do custo en función do aforro enerxético acadado.

Como novidade fronte a convocatorias anteriores, permitiuse participar tamén ás empresas de restauración, flexibilizáronse os requisitos relativos á antigüidade dos edificios e ampliouse a posibilidade de actuar sobre partes dos inmobles, sen esixir unha rehabilitación integral.

En palabras de Pardo, «estas medidas encaixan na Estratexia de Turismo de Galicia 2030, co obxectivo de modernizar o sector, incrementar a súa competitividade e consolidar Galicia como un destino sostible e de calidade».

Manuel Pardo e Manuel Rial na capela do Pazo da Pena