Paula Prado reivindicou en Larouco ao PPdeG como «o partido das mulleres e do rural»
A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, destacou este sábado en Larouco o papel da súa formación como «o partido das mulleres e do rural», nun acto no que puxo en valor o liderado feminino no ámbito local, especialmente en concellos pequenos da provincia de Ourense.
Prado salientou que o PPdeG era o partido con máis alcaldesas en Galicia, cun total de 29, das cales 13 gobernaban municipios ourensáns. Entre elas, a rexedora de Larouco, Patricia Lamela, á que definiu como un exemplo de compromiso coa veciñanza e co desenvolvemento do rural.
A visita da secretaria xeral incluíu un percorrido polo centro de Larouco e pola parroquia de Seadur, acompañada por Lamela; a secretaria xeral provincial do PP de Ourense, Sandra Quintas; os deputados autonómicos Miguel Ángel Viso e Víctor Baladrón; e outros cargos do partido.
Durante o acto, Prado subliñou que o Partido Popular de Galicia estaba «mellor preparado para levar a cabo políticas en feminino», facendo referencia ao liderado do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, do que este domingo se cumpría un ano da súa toma de posesión tras acadar a súa primeira maioría absoluta.
A dirixente popular enxalzou o papel das mulleres do rural como motor económico e social: «Desde o PPdeG queremos agradecerlles a todas esas mulleres que fixeron tanto polo rural galego e poñer en valor que cada vez hai máis facendo Galicia desde o rural», afirmou.
Engadiu tamén que a contribución das mulleres ao desenvolvemento económico da Comunidade «merece ser recoñecida», e asegurou que o PPdeG traballa para que «a Galicia rural siga viva, que a remuda xeracional sexa unha realidade e que a muller siga sendo protagonista».
Pola súa banda, a alcaldesa Patricia Lamela puxo en valor a evolución demográfica de Larouco, que conta con máis de 500 habitantes e onde nos últimos anos naceron 17 crianzas. Atribuíu esta estabilidade ao dinamismo empresarial, especialmente ao impulso de novas iniciativas lideradas por mulleres.
«Temos empresas que levan moitos anos funcionando, pero é importante destacar que as novas creacións foron, maioritariamente, emprendementos femininos», explicou Lamela. «O meu agradecemento vai para todas esas mulleres que seguen crendo no rural, que queren seguir vivindo aquí e que vinculan a súa vida a proxectos locais», engadiu.
A rexedora concluíu afirmando que Larouco é un concello habitado por persoas que «creen nas súas empresas, cren no territorio e seguen apostando por vivir aquí».