XVI Encontros Familia-Escola de Vagalume

O vindeiro 21 de marzo dará comezo a XVI Edición dos Encontros Familia-Escola da Asociación Vagalume de Valdeorras, presidida por José Fernández e que este ano teñen como temática central a neurociencia do comportamento.

O primerio invitado e encargado de inaugurar esta serie de encontros será Javier Cudeiro, Doutor en Medicina e Ciruxía pola Universidade de Santiago de Compostela, Especialista en Neurofisioloxía pola Universidade de Londres, Máster en Fisioloxía e Medicina do sono pola Universidade Pablo de Olavide e Catedrático de Fisioloxía da Universidade de A Coruña. Cudeiro, que ademais dirixe o grupo Neurocom, expoñerá ás 19.30 horas no Teatro Lauro Olmo a charla: "O transtorno de déficit de atención e hiperactividade dende as neurociencias"

Xa a comezos do mes de abril, o día 4, Javier Urra, Doutor en Psicoloxía, psicologo clínico e autor de numerosos libros, tomará o relevo de Cudeiro co encontro presentando o seu libro: "Primeiros auxilos emocionais para adolescentes. Guía para pais." Urra é ademais o Primeiro defensor do menor da Comunidade de Madrid.

O 26 de abril, tamén no Teatro Lauro Olmo, María Jesús Álava Reyes, psicóloga e autora de numerosos títulos, presentará "Las mentiras. ¿Por qué y para qué?"

O 2 de maio será a quenda do galego Xurxo Mariño, Doutor en Ciencias Biolóxicas e Especialista en Neurobioloxía do grupo Neurocom que, esta vez no edificio Multiusos do Concello de O Barco, expoñerá: "Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo."

Juan Casto Rivadulla Fernández, Doutor en Bioloxía, profesor de Fisioloxía na UDC e Neurocientífico do grupo Neurocom, presentará, no mesmo edificio: "Neuromellora. Pódese aprender sen estudar?"

O cerre desta XVI Edición dos Encontros Familia-Escola de Vagalume virá da man de Begoña Ibarrola, psicóloga, musicoterapeura, especialista en Educación Emocional e escritora de coleccións de libros sobre a educación en valores e as emocións. Ibarrola falaranos sobre "Mindfulness y la atención plena."

A labor desenvolta por Vagalume nestes Encontros Familia-Escola, fixerona merecedora do premio Manuel Campazas, un galardón que busca significar a aquelas persoas ou entidades que traballen a favor da non violencia e contra o maltrato, así como no apoio ás víctimas. No caso de Vagalume, o premio recoñece os seus anos de traballo no seo da educación emocional a través destes encontros.

O lema desta edición é «Un grito de libertad por todas las niñas del mundo». A entrega do galardón terá lugar o vindeiro día 24 de marzo ás 19.30 horas na Casa da Cultura de Ponferrada.