A Xunta apoia ao sector vitivinícola con axudas para a adquisición de uva
Estas achegas buscan paliar o encarecemento dos custos de financiamento da adquisición da colleita polas adegas. O prazo para poder solicitala comezou hoxe, 25 de outubro, e rematará o 15 de decembro
O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado polo director financeiro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Alberto Vivero, visitou hoxe o Consello Regulador da Denominación de Orixen Valdeorras para presentarlle aos bodegueiros as axudas do Igape para a adquisición de uva.
Con estas achegas preténdese paliar o encarecemento dos custos de financiamento da adquisición da colleita polas adegas, pero tamén buscan facilitar o seu acceso ao crédito fomentando a participación en sociedades de garantía recíproca que avalen o 100% das operacións e, por último, permitir o cumprimento dos prazos de pago previstos na normativa.
O prazo de solicitude destas axudas do Igape está aberto dende o 25 de outubro, sendo subvencionables os préstamos formalizados con esta finalidade dende o pasado 1 de setembro, e finalizará o 15 de decembro. Posteriormente, os beneficiarios terán ata o 31 dese mesmo mes para formalizar as operacións de préstamo. Antes do 30 de xuño de 2024, e unha vez feitos os pagos da colleita, as adegas deberán solicitar o cobramento da axuda ao Igape.
As adegas que soliciten a axuda deberán incluír todas as operacións de préstamo concedidas para esta finalidade e nas condicións das bases. O cálculo da axuda será a suma dos préstamos, ou de ser menor, a suma dos pagos de uva -DO e IXP- co IVE engadido.