O BNG insta á Xunta a actuar ante a doenza que afecta aos castiñeiros na zona
A deputada do BNG Maria Albert interesouse nas últimas semanas pola situación que están a vivir as produtoras e produtores de castaña do oriente ourensán. Nas últimas semanas estendeuse a incerteza no sector ante unha doenza que está a afectar aos castiñeiros e que está a provocar a perda de castañas en lugares como Valdeorras, Viana do Bolo, A Gudiña, a Mezquita ou Vilariño de Conso.
En relación con esta cuestión a parlamentaria do Bloque Nacionalista Galego desprazouse na xornada de onte até o concello de Viana do Bolo onde, acompañada do grupo municipal do BNG encabezado por Secundino Fernández, visitou varios soutos afectados en distintas parroquias e lugares do Concello.
Albert subliñou que “o que vai un par de semanas era incerteza transformouse nunha dura realidade que deixará a campaña de castaña deste ano terribelmente diezmada e converteu o 2021 nun ano moi complicado para os profesionais do sector”. Este mal está a provocar que as árbores se poñan marróns e que os ourizos non se desenvolvesen de xeito correcto.
Desde algunhas organizacións agrarias tense sinalado que a situación pode provocar a perda de até o 70% da produción nun ano no que, até vai pouco máis dun mes, todo parecía presaxiar unha campaña boa e de calidade. A produción de castañas é unha actividade fundamental para a economía da montaña ourensá; zona de alta produción pois os ingresos que xera repercuten directamente noutros sectores e son vitais para a dinamización socioeconómica desas zonas.
Ademais de constituír un complemento indispensable para as rendas das pequenas explotacións gandeiras; cuxa rendabilidade se verá seriamente afectada no caso de confirmarse os malos resultados previstos para a colleita xa en marcha. Este problema vense a sumar ao deterioro que as plantacións están a sufrir nos últimos anos pola acción conxunta da avespiña e máis do cancro do castiñeiro que teñen levado a reducións significativas das producións de castaña.
Ante os problemas que esta nova doenza está a provocar nas zonas produtoras da montaña ourensá “a Consellaría de Medio Rural ten de tomar a iniciativa para obter unha diagnose clara e achegar posíbeis tratamentos”, sinala Albert.
En relación con esta cuestión o grupo parlamentar do Bloque Nacionalista Galego ten presentado unha batería de iniciativas no Parlamento reclamando a acción rápida e eficiente do departamento de Medio Rural para analizar o problema, buscar posíbeis solucións e tratamentos e emprender todas as accións precisas para aliviar as perdas dun sector estratéxico para a provincia de Ourense.