Este xoves, 14 de abril, o CD Barco disputaba un partido decisivo fronte a UD Somozas. Os de Javi Rey atopábanse a poucos puntos de poder xogar a promoción de ascenso a 2º RFEF, polo que se trataba dun encontro «de vital importancia» que quixeron compartir con Valdeorras.
«Ao final un 3-1 contra o noso líder é un moi bo resultado. Sérvenos para seguir coa nosa pelexa para meternos no play-off. Non se pode predicir aínda nada, pero está máis encarrilado que a semana pasada», explicaba o presidente do Club, Nilo Ramos, a Somos Comarca.
Con este encontro tan importante para o CD Barco, desde o club quixeron celebrar o "Día do deporte comarcal", no que convidaron a todos os clubs de Valdeorras a asistir de forma gratuíta ao partido. Ademais, cada socio do club puido retirar dúas entradas sen custo para regalar a familiares e amigos.
«A afección, sendo un xoves santo, a verdade que acompaña e sempre está aí despois dun ano de pandemia que non puidemos gozar do fútbol na súa dimensión. É un premio para toda a afección, para os patrocinadores e para directiva, a ver que nos depara» destacaba Nilo ao lembrar que «a categoría é moi bonita e moi competitiva, e ten máis esixencia e máis nivel».
O encargado de iniciar o marcador e de sumar os dous primeiros tanto na primeira metade de partido foi Javi Pazo, seguido do seu compañeiro David no segundo tempo. « A ultima final celébrase na casa a próxima semana e esperemos que sexa unha gran festa para todos».
E é que estando ás portas do ascenso é inevitable non lembrar as anteriores xornadas nas que o equipo se atopaba na mesma situación e non puido ser. «O ano pasado a verdade que o pasamos moi mal», comentaba o presidente ao lembrar que «o importante é que o equipo siga crecendo e eu creo que están a facer un bo papel».