Jovito: «Apuntamos alto, queremos recuperar a categoría de Preferente»

Andrés Campo Macía ‘Jovito’.
O quirogués Andrés Campo Macía é o novo adestrador do Rúa Valdeorras FSF, afronta o reto con ilusión e di estar «desexando comezar a traballar»

O quirogués Andrés Campo Macía ‘Jovito’ é o novo adestrador do Rúa Valdeorras FSF. Chega ao pavillón da Rúa “con moitas ganas” e afronta “con ilusión” a súa primeira experiencia no banco dun equipo feminino. «Estou desexando comezar a traballar», asegura.

Jovito é un vello coñecido do fútbol sala valdeorrés. Xogou oito tempadas no desaparecido Vilamartín, na actual terceira división, «unha grande experiencia da que teño bos recordos e na que fixen moitos amigos que aínda manteño», di. Tamén adestrou media tempada co Pizarras Los Tres Cuñados, actuando sempre na posición de porteiro.

Despois xogou en Bóveda e hai nove anos foi o fundador do Covirán Quiroga FS. Comezou baixo paus e na última tempada colgou as luvas para centrarse na súa faceta como adestrador, algo que «sempre me gustou, xa dende que era xogador, e cada vez teño máis ganas».

Recentemente recibiu a chamada de Rosendo Durán, o exadestrador do Rúa Valdeorras, e Sabela, a capitana do equipo, para ofrecerlle facerse cargo do equipo. «Puxéronse en contacto comigo e chegamos rápido a un acordo», admite Jovito, que desexaba «vivir a experiencia de adestrar fóra».

En canto ao seu novo equipo, admite que xa coñecía metade do cadro de xogadoras, «porque algunhas xa estiveran no desaparecido FSF Quiroga». Tras unha primeira xuntanza co club asegura que apuntan alto e que buscarán «recuperar a categoría de Preferente. En decembro veremos onde estamos, pero sempre hai que marcar os obxectivos máis altos», di.

Non cre que vaia haber moitas diferenzas entre adestrar a un equipo masculino como é o Covirán e un feminino como é o Rúa Valdeorras. O que si cambia son as idades: «No masculino ata os 16 anos non podes participar en categoría sénior, pero no feminino xa poden xogar desde que son infantís». Jovito ve aí unha oportunidade, «porque iso é algo que asegura o futuro para o equipo», ao poder incorporar xogadoras novas.

Sobre a tempada que está a piques de comezar, dende o Rúa Valdeorras están á espera de que a Federación Galega de Fútbol lles traslade información sobre o sistema de competición para a liga provincial na que competirá este ano o equipo amarelo.

«Aínda non sabemos nada, xa saíu a información sobre Preferente, pero a liga provincial tarda algo máis. Pensamos que vai ser unha liga de 14, a de maior número de equipos dos últimos anos, e que podería comezar a última fin de semana de setembro», avanza Andrés Campo.