Chourizada de balde para animar a acudir a Calabagueiros

Previa deportiva da fin de semana: O Barco recibe ao Villalbés o domingo ás 17:00 horas e o Córgomo xoga pola mañá no Bañadoiro

Busca o CD Barco a súa segunda vitoria da temporada en Calabagueiros e a directiva do club barquense quere animar á afección a achegarse ao campo o domingo ás 17:00 horas. Para iso, organizan unha chourizada de balde para todos aqueles que asistan ao partido, ao que o conxunto de Lino Estévez chega tras vencer ao Barbadás no derbi provincial e coa intención de dar unha alegría aos seareiros locais, que só puideron ver un triunfo este curso en Calabagueiros. O rival, o Racing Villalbés, chega con puntuación de play-off e non o poñerá sinxelo.

O Córgomo, pola súa banda, buscar sacar o mal sabor de boca que lles deixou a derrota da pasada xornada na Peroxa. Os verdiblancos non queren que a fenda de puntos co líder Verín siga aumentando, polo que o partido do domingo ante o Francelos é chave. Xogarán no Bañadoiro ás 12:00 horas.

Na Segunda Futgal, o Rúa visita ao líder, o Rayo 21, que gañou todo ata o momento. Dez de dez. Trinta puntos. Javi Ferrer, técnico dos amarelos, asume que é unha saída moi complicada, pero non renuncia a dar a sorpresa. Remarca a importancia de que o Rayo 21 non se adiante pronto no marcador, para que o Rúa manteña opcións todo o partido. O Viana, mentres, recibirá na casa ao Atlético Vilariño.

Segue imparable o Barco ‘B’, que vén de impoñerse ao Cea 7-1. Nesta xornada visita ao colista, o Atlético Coles, que leva 0 puntos, mentres que o segundo equipo barquense ocupa a segunda praza na táboa clasificatoria, con 20 puntos. O Trives xogará no Vicente Solarat da Rúa o domingo ás 16:00 horas no Irixo.

Fútbol sala e baloncesto

Todos os nosos equipos de fútbol sala actúan esta fin de semana como visitantes. Na Terceira División, o Vianariño visita Marín, e na Preferente, o Pizarras Los Tres Cuñados viaxa a Gondomar. Na Primeira Futgal feminina, o Rúa Valdeorras mídese ao Estrela Vermella en Allariz, mentres que o destino do Vianariño será O Irixo, con Os Toxos D’Ouro como rival.

O pavillón de Calabagueiros si acollerá partidos de baloncesto, con varios encontros a cargo do Muebles Victoria O Barco o sábado e o domingo pola mañá.