Breogán López completa o esixente trail “Oh Meu Deus” na Serra da Estrela en sete horas

somoscomarca_portugal_breolopez_trail (1)
O atleta valdeorrés destaca a dureza do percorrido e a beleza dunha proba marcada pola alta montaña

O atleta valdeorrés Breogán López participou este primeiro de maio na esixente proba de 50 quilómetros do trail “Oh Meu Deus”, disputado na Serra da Estrela (Portugal), unha das citas máis destacadas do calendario de montaña no país veciño.

Nun percorrido de 52 quilómetros e 2.780 metros de desnivel positivo, atravesando aldeas tradicionais e sendeiros históricos, López completou a carreira cun tempo de 7:00:57, acadando o posto 72 da clasificación xeral e o 16 na súa categoría.

Tras a proba, o corredor facía balance dunha experiencia que cualifica de «moi bonita», aínda que tamén moi diferente ao que adoita atopar en Galicia: «É unha zona con moita pedra, moi parecida á parte alta de Manzaneda, pero máis dura. Ademais, a primeira parte da carreira foi por zonas queimadas, algo que che toca», explicaba.

A dureza do percorrido foi unha constante ao longo de toda a proba. «Foi bastante completa, cunha primeira parte moi esixente. Nos primeiros 13 ou 14 quilómetros fixemos máis da metade do desnivel, con subidas longas que nos levaron máis dunha hora e media», detallaba.

Unha vez superada esa parte inicial, o trazado ofrecía tamén momentos espectaculares, especialmente nas zonas de alta montaña. «Había tramos moi bonitos, con lagos e regatos, pero tamén moi técnicos, con moita pedra e baixadas duras nas que tiñas que ir sempre concentrado para non tropezar», sinalaba.

somoscomarca_portugal_breolopez_trail (2)

O corredor recoñecía que un dos aspectos que máis lle sorprendeu foi a altitude do percorrido: «Non esperaba chegar a zonas de máis de 2.000 metros. É a montaña máis alta de Portugal e nótase».

En canto ao obxectivo, Breogán López tiña claro o reto antes de comezar: «Quería estar arredor das sete horas e ao final saíu practicamente clavado. Sabía que, coa distancia real, 52 quilómetros, ía ser moi xusto».

A participación nesta proba tamén responde á súa intención de sumar experiencia no circuíto internacional. «Forma parte do calendario UTMB, que che permite conseguir puntos para optar a correr en Chamonix. Ao estar relativamente preto da casa, era unha boa oportunidade», explicaba.

Sobre as diferenzas con outras carreiras, o atleta destaca tanto o nivel como o ambiente: «Aquí hai moito corredor internacional e profesional. En Galicia, por exemplo en Quiroga, hai un ambiente máis popular, máis festivo, con moita comida e implicación da xente».

A nivel persoal, López ten clara a distancia na que se sente máis cómodo: «Os 50 quilómetros son unha distancia bonita e esixente, pero que me permite recuperar ben. Ao día seguinte podo facer vida normal, que tamén é importante».

Con esta participación, o corredor valdeorrés continúa sumando experiencias en probas de montaña de alto nivel, mantendo o obxectivo de seguir medrando no trail running e, no futuro, afrontar retos aínda maiores.