jueves. 18.04.2024

O ciclo De Perto rematará este sábado tendo nesta última semana un total de 3 actuacións

Lorena Conde abre a última semana do ciclo De Perto do Barco, e o fará representando a obra "Gran simio con fouciño", que é unha performance poético-musical a partir de textos da propia artista que toma nome duns versos do seu poemario Entullo: Lanzados á cegueira/do gran simio con fouciño.

O Gran Simio garda as súas forzas atávicas e observa expectante o devir dos acontecementos ata que chegue o seu momento de poñelas en movemento para actuar sobre o mundo.

Lorena Conde é dramaturga, directora de teatro, actriz, artista plástica, narradora e poeta. Escribe e dirixe teatro dende hai máis de 15 anos. É cofundadora das compañía Matrioshka e A Feroz. 

No eido das artes aplicadas e a ilustración desenvolve un labor de experimentación no seu taller, A Maranha. En 2016 gaña o XVIII Premio de poesía Miguel González Garcés con Entullo, o seu primeiro poemario (editado pola Deputación da Coruña). En 2020 faise co III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil pola novela Velloucas & Minchas (editada por Cuarto de Inverno), co XXXVI Premio de poesía Cidade de Ourense polo poemario As puntas da louza. Cancioneiro de labor (editado por Aira), e co I Premio de Poesía Filomena Dato polo poemario Ave do Paraíso (editado por Apiario).

Tamén é autora do poemario O perfil da boca (editado po Urutau) e os textos de teatro Santa Inés (editado en galego por Urutau e en castelán por La Abaporu) e As mil vidas de Dorotea (editado por Cuarto de Inverno).

O ciclo De Perto encara a súa última semana con Lorena Conde