O Courel soou con forza na 28ª edición do Filandón de Músicas
A Ferrería Locay de Seoane do Caurel (Lugo), foi una ano mais o lugar elixido para celebrar o Filandón de Músicas do Courel, que este ano vai pola vixésima oitava edición. Unha cita que cada verán reúne voces, músicas e memoria para manter viva a tradición cultural da serra.
Esta edición foi especialmente emotiva, cunha homenaxe á cantareira Isabel Arias Rodríguez, veciña da Veiga, e unha lembranza para dúas figuras queridas e xa desaparecidas: Jacinta Fernández Alonso, de Lentellais e o músico Antonio Fernández Gancedo, finados ambos en 2025.
A xornada reuniu a máis de 150 músicos e músicas chegados de diferentes puntos do país. Participaron gaiteiros, coplas de cego, cantareiras da Limia e de Mens, e mesmo houbo unha actuación especial da cantante Carmen Penín, acompañada por membros da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.
Durante o acto, presentouse o novo Cancioneiro Sociolingüístico das Terras do Bolo, unha obra promovida polo musicólogo Xosé Lois Foxo, director da Real Banda, que explicou así a orixe do Filandón: «Este Filandón naceu como un foro para poñer en valor os cánticos que eu recollía. Levamos 28 anos facendo este evento e cada vez está tendo máis éxito, porque ao final o que estamos facendo é salvar do esquecemento a nosa cultura dos séculos».
Foxo salientou tamén o traballo realizado no Courel, onde leva publicados tres tomos con máis de mil cantares, en soportes de vídeo e audio, e agora incorpora o cancioneiro do Bolo, que reúne 400 temas tradicionais recollidos na contorna.
Presentación do Cancioneiro Sociolingüístico das Terras do Bolo
A presentación do novo traballo de investigación e compilación de Foxo foi un dos momentos centrais da celebración. O Cancioneiro Sociolingüístico das Terras do Bolo, unha obra que afonda nas raíces musicais, lingüísticas e sociais da comarca de Valdeorras, concretamente no concello do Bolo.
Foxo compartiu coa audiencia a esencia do seu traballo: «Agora estamos presentando este traballiño... Se alguén está interesado, temos aquí un exemplar, leva USB, con 400 cantares que deixamos aquí». Explicou que este novo volume é froito de anos de recollida e documentación entre a xente maior da comarca.
Pola Súa Banda o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, subliñou que: «O traballo que está facendo Xosé Lois na comarca do Bolo e tamén na Veiga é encomiable. Esta é unha das mellores cousas que se poden facer para garantir que esas cantigas tradicionais non desaparezan». «Estase aproveitando esa sabedoría popular, músicas que quizais os nosos pais xa non cantaban, pero si os nosos avós, e agora podemos recuperalas para que as escoiten os nosos netos», subliñaba»
O Cancioneiro Sociolingüístico das Terras do Bolo non é só unha recompilación de letras e melodías. É tamén unha ferramenta de estudo sobre a fala, os usos lingüísticos e a memoria social, vinculada á vida e ao contexto das comunidades locais. Inclúe audios, vídeos e textos comentados, e forma parte do amplo proxecto iniciado por Foxo hai case tres décadas, que xa deu lugar á publicación de varios volumes sobre a música do Courel, O Bierzo, e agora, Valdeorras.
A súa publicación foi posible grazas á colaboración de institucións locais, veciños e intérpretes populares. Foxo tamén quixo agradecer publicamente a colaboración de persoas como Angelita Aira Crespo, Raíña do Filandón deste ano, e da comunidade da zona: «Se recoñecemos tantas músicas é porque hai xente como Angelita. Grazas a elas temos máis de mil cánticos no Courel e agora 400 no Bolo. Sen elas, isto non sería posible».
Con esta presentación, o Filandón reforza o seu papel como foro de transmisión cultural e investigadora, facendo visible a riqueza etnomusical do interior galego e o seu vínculo profundo co territorio.
A voz da terra
A homenaxeada, Isabel Arias Rodríguez de Valdín, é unha desas mulleres que gardaron e transmitiron a música popular como parte da vida cotiá. Desde pequena, cando andaba co gando e traballaba na terra, aprendeu as cantigas que hoxe seguen vivas grazas á súa voz. Mesmo tras perder a vista, nunca deixou de cantar, porque para ela era o máximo.
O Valor do legado
A alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, destacou o «Valor deste legado» expresabao así«Durante 28 anos e que como mínimo siga outros 28. É un patrimonio cultural inmenso que perdurará polos tempos, un ben inmaterial que quedará para sempre».
Lembrou tamén aos maiores que xa non están: «Veñen, marchan uns e veñen outros, pero sempre hai un recordo para eles. A través das súas cantigas, quedarán para sempre aquí».
Tésera de Hospitalidade
Un dos momentos máis significativos da xornada foi a entrega da Tésera de Hospitalidade a Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia. Este recoñecemento, que xa recibiran figuras como Amancio Prada ou Xesús Alonso Montero, simboliza os antigos pactos de irmandade entre pobos.
Merelles agradeceu: «Un gran orgullo recibir este premio. O Filandón é unha Festa de Interese Turístico de Galicia e apoiar as músicas que se fan no pobo é un traballo digno de aplaudir. Esta celebración atrae público, conserva a tradición e dálle vida ao rural».
Durante a súa intervención, destacou tamén o labor de recompilación de Foxo nas Terras do Bolo e na Veiga, e puxo en valor a importancia das celebracións que nacen da terra: «É un pracer ver tanta xente interesada por estas músicas nunha contorna tan especial como é Soane do Courel, á beira do río Lor. Cada ano esta cita crece en participación e valor cultural».
Cultura viva e compartida
A presidenta do acto foi Angelita Aira Crespo, nomeada raíña do Filandón, e a presentación correu a cargo da xornalista Montse Lema, quen destacou que nesta festa “non hai móbiles gravando, hai xente vivindo o momento”.
Ademais das actuacións musicais, o programa incluíu unha exposición audiovisual e bibliográfica sobre a música tradicional do Courel, unha mostra de instrumentos do artesán Manuel Vila, veciño de Vilamor, e unha feira de produtos de alimentación típicos da zona, como mel, queixo e embutidos.
O acto contou coa presenza institucional da alcaldesa Lola Castro, o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, e representantes da Xunta de Galicia como o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles.. Un ano máis, a Ferrería de Seoane, con máis de douscentos anos de historia, converteuse no epicentro dunha festa que non só celebra a música, senón tamén a resistencia cultural e emocional dunha terra con alma propia.
O legado continúa
Nun contexto marcado polo despoboamento e as cicatrices dos incendios recentes, o Filandón de Músicas do Courel mantense firme como un símbolo de resistencia e orgullo identitario.
Como dixo Lola Castro: «Somos un concello moi pequeno, pero con moita actividade. Temos que seguir barrendo para casa, e cada vez que vexan a Tésera, que se acorden de nós, que non nos deixen de apoiar».
O Filandón non é só unha festa, é un acto de amor á memoria colectiva, unha promesa entre xeracións de que mentres alguén cante, a música do Courel seguirá viva.