O ciclo De Perto chega cargado de actividades a O Barco

O sexto ciclo "De Perto" xa quenta motores, a palabra contada, rimada, cantada con poetas, narradores orais e cantantes-cantareiras xuntaránse nun programa que abarcará entre os días 22 de xuño e o 13 de xullo con actividades ao aire libre nos distintos espazos públicos do Barco.

O berciano Juan Carlos Mestre (Premio Nacional de Poesía) e a luguesa Olga Novo recitarán os seus versos, os dous teñen unha enorme traxectoria como poetas con numerosos recoñecementos en todo o mundo. Mestre titula o seu recital Elogio de la palabra, Novo ofrecerá os seus poemas como se fosen a Historia Universal dun lugariño.

En narración oral o programa presenta as contadoras galegas emerxentes María da Pontragha (Contos do que non hai) e Ángeles Goás (O medio é libre) xunto aos consagrados Quico Cadaval e a lisboeta Ana Sofía Paiva, que compartirán escenario con Contos de contrabando-Historia Portugalaicas. Tamén estará presente de novo no Barco contando a súa historia, Marcos Rodríguez Pantoja ou coñecido como "Niño de Sierra Morena" quen contará a súa historia real, a cal viviu de neno na Cordilleira Bética.

No apartado de música cantada o ciclo De Perto presenta as emerxentes Tanxugueiras, cantadeiras que están revolucionando o panorama musical galego, que ademáis presentan o seu primeiro disco, e Uxía, a gran dama da canción galega, que canta a Uxío Novoneyra no seu último disco Uxía-o.

E todos estes agasallos para os sentidos terán lugar en catro espazos públicos do Barco: a praza do Sagrado, os xardíns da Casa Grande, a Beira do Sil-Malecón e o castelo do Castro sempre á mesma hora, ás 22h30, cando a noite do verán ocupa o seu lugar.