viernes. 29.03.2024
Casaio BIC_Encontro Consello e Sputnik Labrego_14
Casaio BIC_Encontro Consello e Sputnik Labrego_14

Un contrato escrito á man nun pano de mesa na sobremesa da romaxe de San Xil foi o desencadeante, en parte, de que o Consello da Cultura Galega desembarcase en Casaio a semana pasada cun panel de expertos para analizar as potencialidades da vila e dos seus restos arqueolóxicos e industriais para converterse en Ben de Interese Cultural nun encontro chamado A Guerra Esquencida: volframio, modernidade e patrimonio industrial. A anécdota destacouna Rebeca Blanco Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio do CCG e que xa no 2017 organizara unha sesión sobre as minas de Valborraz en Compostela: «Aquel día rematamos dicindo que había que vir a Casaio a coñecer o lugar, no San Xil de 2019 fixemos un primeiro achegamento e comprometémonos a organizar unha xornada in situ e aquí estamos, coa comunidade de Casaio debatendo sobre o seu patrimonio».

Naquela primeira ocasión presentárase en Compostela a investigación de Isidro García Tato sobre a coñecida en Valdeorras como a mina dos alemáns e e se proxectara o documental Lobos Sucios, de Felipe R. Lameiro, uns dos primeiros traballos en poñer o foco neste patrimonio. Ese acto case coincidía no tempo coa primeira incursión do grupo de investigación Sputnik Labrego nas montañas de Casaio para localizar os chozos da guerrilla, un traballo de arqueoloxía para entender a forma de vida dos guerrilleiros, o contacto coas comunidades locais e o papel deste territorio durante unha época tan convulsa como o da Segunda Guerra Mundial.

Casaio BIC_Encontro Consello e Sputnik Labrego_05

Catro anos despois, os achados de Sputnik Labrego na contorna da Cidade da Selva seguen crecendo, marcados dende o inicio pola súa colaboración coa comunidade local, moi destacada dende a aparición das pinturas rupestres de Pala de Cabras. Recentemente, comezaron prospeccións nas Minas de Valborraz onde agardan, coa análise da materialidade, seguir construíndo un relato histórico que sustente a declaración do entorno de Casaio como BIC da Paisaxe Cultural. Carlos Tejerizo, coordinador de Sputnik Labrego, sinalou que esa declaración farase coa complicidade da comunidade local co obxectivo de «darlle lexitimidade a todo este patrimonio e poder planificar a súa conservación e divulgación». 

Sobre esa posible declaración de Ben de Interese Cultural falouse e moito nun encontro no que tódolos expertos insistiron na importancia de facelo de «abaixo a arriba», escoitando os intereses da comunidade local para que o sintan como un proxecto propio. Así o destacou Rebeca Blanco, quen lembrou que existen en Galicia 744 BIC dos que 711 son bens inmobles e destes, so 6 son patrimonio industrial: «A clave do éxito dun proxecto así é a comunidade que vive nel, ten que haber un equilibrio entre as persoas que viven no lugar e as que veñen co proxecto, que ambas coincidan en querer poñelo en valor, e nisto Casaio é unha oportunidade», en referencia á gran implicación da veciñanza en todo o proceso.

Fontao e Ponferrada, dous referentes

Un dos BIC empregados como referente neste encontro foi o da Mina de Fontao, en Vila de Cruces, transformada en museo hai unha década con fondos europeos, pero que na actualidade está pechado. Diego Casal, enxeñeiro involucrado no proxecto, expuxo en Casaio os acertos e fallos do proxecto e lamentou que o Plan Director que debía condicionar os seus usos nunca fose posto en marcha. Outro exemplo que foi analizado é o do Museo da Enerxía de Ponferrada. Alí a memoria das comunidades locais e dos traballadores da minería ten moito protagonismo, así como a integración do museo no seu contexto, sendo un lugar de esparcemento da veciñanza. Esther Aparicio, unha das creadoras dese Museo, destacou a potencialidade dos contonos mineiros para proxectos culturais por ser territorios con elementos diferenciadores moi atractivos xa que integran espazo natural, patrimonio natural e relato social moi vinculado ó traballo.

Ademais dos referentes de contornos mineiros musealizados, no encontro tamén se analizou a importancia do relato colectivo que se vai construíndo sobre estes espazos históricos e sobre acontecementos do pasado que moitas veces ocupan o lugar da mitificación ou a lenda por ter sido obviados da construción histórica durante o franquismo. É o caso da historia da guerrilla en Casaio, pero tamén doutras recollidas por autores como relatos de ficción sustentados en documentación e memoria oral. Así o fai Abel Aparicio, autor da novela ¿Dónde está nuestro pan? onde relata tres acontecementos no Bierzo durante e trala Guerra Civil, entre eles a protesta dun grupo de mulleres en Torres del Bierzo polas restricións na distribución de fariña como represalia política.

Manuel Gago, investigador e divulgador do Consello da Cultura Galega, tamén falou da súa obra de ficción O exército de fume, onde aborda esa incorporación da guerrilla ó terreo do mítico pola escaseza de investigacións e a súa ocultación intencionada, ata que en 1980 o investigador alemán Hartmut Heine publica A guerrilla antifranquista en Galicia e máis tarde Carlos Reigosa fai o propio con Fuxidos de Sona, en 1989. Gago destacou como, dende os anos 2000, aumentou a produción literaria e investigadora relacionada coa guerrilla, tamén polo interese que suscita a presenza dos nazis no país e o papel que xogaron a guerrilla e o volframio na II Guerra Mundial. E boa parte desa historia, apuntou, comezou en Casaio: «Aínda me impacta algo que explicou Tejerizo coas montañas da Cidade da Selva detrás, neste lugar naceu a primeira guerrilla europea en 1941, antes que a Resistencia francesa ou os Partisanos, iso é unha lectura clave para entender a importancia deste territorio e da súa memoria». 

Dúbidas e un diálogo aberto polo BIC

Este encontro do Consello da Cultura Galega en Casaio pechouse coa presentación por parte de Sputnik Labrego, con Laura Martínez Panizo e Carlos Tejerizo, do borrador de proxecto de declaración BIC que segundo explicaron ampliaría un pouco a área xa protexida como Rede Natura 2000 e que todo o proxecto se sustenta na memoria e relación da comunidade co entorno. Segundo Tejerizo: «Paisaxes como a de Casaio son esquencidas dentro da investigación académica porque é moi difícil traballar nelas, están lonxe e ailladas, e en moitos casos é unha historia incómoda». Por iso destacou os traballos previos como o de Isidro García Tato baseado sobre todo en documentación, e reivindicou o obxectivo de sputrnik Labrego de empregar a materialidade que analiza a arqueoloxía e mais a memoria oral para entender como se adaptaron as sociedades rurais as transformacións históricas. «Para nós a declaración de BIC é unha maneira de que este espazo cultural sexa recoñecido, tomado en serio, e poder proxectar o futuro evitando que esta memoria despareza», recalcou.

Laura Martínez pola súa banda apuntou algunhas das dúbidas que tamén esperta o proxecto, como a posible restrición de usos ou a excesiva burocratización de cada acción que se leve a cabo. Para iso lembrou como cando descubriron as pinturas de Pala de Cabras a Comunidade de Montes reaccionou habilitando un sendeiro para que puideran ser visitadas, facéndose cargo do financiamento dun sistema de vixilancia: «Foi todo moi rápido e coordinado e sendo BIC preguntámonos se isto pdoería ter sido así». No debate que pechou o acto a propia veciñanza aportou outras reflexións, como a escasa participación e apoio de axentes importantes como o Concello de Carballeda e o sector da louxa, ós que convidaron a sumarse ó diálogo. Encarna Otero, historiadora e unha das promotoras do proxecto da Mina de Fontao, resaltou a importancia de facer un Plan Director e de Usos acorde co que queira a veciñanza de Casaio e pechou destacando que «todo o que se faga sen contar coas comunidades de traballo local non serve... serve para visitar, pero non para vivir; só se conserva como patrimonio aquilo que se habita.»

O Consello da Cultura Galega pon o foco no potencial de Casaio como Paisaxe Cultural