«Aura 1964» do petinés Ignacio Vilar, recibe axudas de Media Europa Creativa
A produtora Vía Láctea Filmes resultou beneficiaria dunha axuda de desenvolvemento do programa MEDIA Europa Creativa, destinada á promoción e á coprodución de obras cinematográficas a nivel europeo e internacional para un novo proxecto con guión e dirección de Ignacio Vilar. Entre as máis de 300 candidaturas recibidas de 32 países diferentes, 5 produtoras do Estado español recibiron esta axuda na actual convocatoria, sendo "Aura 1964" o único proxecto concibido para ser rodado en lingua galega.
O comité de selección destacou, entre outros, a calidade do guión, a pertinencia da temática no contexto socio-político europeo así coma a traxectoria do director Ignacio Vilar e da produtora Vía Láctea Filmes na cinematografía galega ou o potencial internacional da obra.
O filme conta a historia de Siro, un adolescente dunha aldea galega que, en plena ditadura franquista, debe ingresar nun internado católico. Pouco a pouco, coa axuda dos seus novos compañeiros, aprenderá a sobrevivir no perverso mundo dos adultos. O título da fita fai referencia á campaña "25 años de paz" coa que o réxime conmemorou en 1964 o fin da guerra civile, segundo apunta o xurado de MEDIA, a longametraxe aborda un tema moi relevante ante o auxe de partidos de extrema dereita en toda Europa.
O proxecto recibiu asimesmo unha subvención para desenvolvemento de producións galegas de AGADIC.
"Aura 1964" será o primeiro proxecto de Vía Láctea Filmes presentado desde o inicio coma unha coprodución internacional. Grazas ao devandito apoio institucional, a produtora galega está a deseñar un ambicioso plan de desenvolvemento que inclúe a asistencia a mercados internacionais na Berlinale e Cannes para a busca de coprodutores que garantan a visibilidade internacional do proxecto.
Foto: cedida (cinemaldito.com)