jueves. 28.03.2024

Faránse tanto no Hospital Santa María Nai como nos comarcais de Verín e Valdeorras a un total de 4.000 docentes

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras en colaboración coa Xefatura Territorial de Educación en Ourense comezará, na tarde de hoxe luns 24 de agosto, o cribado mediante test rápidos de anticorpos de dobre banda a todo o persoal docente dos distintos centros educativos da provincia co obxectivo de determinar as posibles infeccións por COVID-19, antes de dar comezo o curso escolar.

Os mesmos comezarán a facerse a diario en quenda de tarde, no servizo de extraccións do laboratorio de análises clínicas do Santa María Nai e en quenda de mañá e de tarde durante o sábado e domingo.

Estímase que na tarde deste luns pasen preto de 400 docentes polo centro sanitario para a realización das probas. Asemade este cribado realizarase tamén nas vindeiras datas nos Hospitais de Verín e Valdeorras ,onde tamén será citado o persoal docente que teña fixada a súa residencia nos concellos limítrofes a estes centros.


En total pasarán ao redor de 4.000 mestres e profesores polos puntos de extracción habilitados nos tres centros sanitarios. A extracción consiste nun proceso sinxelo que se realiza mediante “punción capilar” no que se extrae unha pinga de sangue do dedo e o resultado da mostra pódese coñecer en aproximadamente dez minutos.

Esta clase de proba diagnóstica foi a realizada no seu momento para o cribado do persoal sanitario, dos corpos e forzas de seguridade e tamén ao persoal de servizos esenciais tales como bombeiros, protección civil, técnicos de transporte sanitario e o persoal do 061.

Os test de dobre banda permiten detectar posibles positivos pero tamén coñecer cales son os positivos activos e cales son os que están inmunizados. Estas probas serven para aumentar a cantidade de casos detectados e aumentan o abanico de diagnóstico, polo que teñen gran utilidade xa que permiten diferenciar entre infección aguda, máis avanzada ou curada.

Sanidade fará test rápidos a todos os docentes da provincia